Edís de Alternativa dos Veciños, PP e PSdeG presentan unha moción de censura contra o alcalde de Sada, Benito Portela (Sadamaioría). De ter éxito, a voceira de Alternativa dos Veciños, María Nogareda, actual concelleira de Educación, converteríase na nova alcaldesa a seis meses das eleccións municipais, despois de sinalar hai unhas semanas que daba por "roto" o actual acordo de Goberno con Sadamaioría e BNG. A presentación da moción de censura fíxose sen o coñecemento das direccións de Alternativa dos Veciños e PSdeG, segundo informa La Opinión.
O BNG reclama que "con carácter inmediato" PP, PSOE e Alternativa dos Veciños declaren "tránsfugas" aos seus representantes como "único xeito verificábel de constatar a súa oposición á moción de censura" anunciada en Sada. Pola súa banda, o PSOE provincial da Coruña desautoriza dita moción de censura e anuncia que tomará "medidas disciplinarias" contra os edís que a subscriban, "unhas medidas que suporían a súa expulsión do Partido Socialista".