O viveirense Adrián Ben, clasificado para as semifinais dos 800 metros en Toquio tras conseguir a mellor marca da proba para un español na historia dos Xogos Olímpicos (1:45:30). Foto: Miguélez/RFEA
Fálase
Alcoa propón un ano para resolver o problema enerxético e comprométese despois á venda directa da planta da Mariña
A ribeirense Ana Peleteiro entra na súa primeira final olímpica tras saltar 14,62 na clasificación de triplo salto e quedar segunda, só por tras da venezolana Yulimar Rojas. Con esta marca, ademais, Peleteiro bate o récord galego da especialidade. En lanzamento de peso, a mugardesa Belén Toimil non logrou a clasificación para a final. (Foto: Miguélez/RFEA)
O ex-ministro Jorge Fernández Díaz e toda a cúpula de Interior no primeiro Goberno do PP de Rajoy, procesados na operación Kitchen polo uso de fondos reservados para espiar a Luis Bárcenas, ex-tesoureiro do PP, e recuperar documentación comprometedora para o propio partido. O xuíz García Castellón exonera a cargos populares como Dolores de Cospedal e deixa á marxe a Rajoy.
A Xunta publica no DOG a modificación das restricións pola COVID que estarán en vigor dende a medianoite do venres ao sábado e que sitúan 60 concellos, entre eles as sete cidades, nos niveis máximo ou alto, que implican medidas como a esixencia de test negativo da COVID ou vacina para entrar en bares. As restricións aos encontros entre non conviventes seguen sen cambios, cando menos, ata o 7 de agosto.
A Xunta aproba o límite de gasto dos seus Orzamentos para 2022, 11.571 millóns de euros, o que supón 8 millóns de euros máis que os consignados nas contas deste 2020, pero 93 millóns menos que o teito de gasto fixado o pasado ano. Este é o límite para o gasto non financeiro -exclúe a débeda- e pode manterse nestes niveis, os maiores da autonomía, polas inxeccións de fondos estatais e europeos, que neste caso inclúen tamén o mes de recadación do IVE pendente dende 2017. É aprobado unha vez que o Estado fixou o seu no último Consello de Ministros.
A Xunta di que os descontos do 100% na viaxe de volta para familias numerosas nas dúas autoestradas autonómicas (AG-55 A Coruña-Carballo e AG-57 Vigo-Val Miñor), anunciados por Feijóo en 2019, estarán en vigor "a mediados de agosto" deste 2021. O Consello do Goberno galego aprobou este xoves un decreto coa medida e mais coa "extensión ás 24 horas posteriores á viaxe de ida do desconto do 25 % na volta, e do 50 % na segunda volta, aos usuarios recorrentes, que ata agora se aplicaba ás viaxes realizadas no mesmo día" e que rexe en días laborables. Para todas estas bonificacións cómpre dispoñer de telepeaxe. (Imaxe: CC BY-SA Xunta)
EPA | A poboación ocupada aumentou en Galicia en 16.900 persoas en Galicia durante o segundo trimestre do ano e queda en 1,08 millóns, 26.300 máis que hai un ano, segundo os resultados da Enquisa de Poboación Activa que veñen de facerse públicos. No mesmo período, a poboación en situación de desemprego diminuíu en 5.900 persoas, ata as 152.400, isto é, aínda 9.900 máis que doce meses antes.
Suspendido o XV Encontro de Embarcacións Tradicionais, que se ía celebrar do 5 ao 8 de agosto en Moaña, por mor do incremento de restricións da Xunta pola COVID. "O cambio na situación epidemiolóxica de nivel medio a alto de restricións, e ante unha posible entrada no nivel máximo na vindeira semana, avaliamos que non se dan as circunstancias para desenvolver o encontro con plenas garantías", sinala o comité organizador.
A Xunta eleva outros 6 concellos a nivel máximo de restricións pola COVID (Muros, Baiona, Burela, Foz, Viveiro e Monterroso) e serán un total de 12 dende o sábado (seguen nel Boiro, O Barco, Cambados, Meaño, O Grove e Sanxenxo). Ademais, 48 municipios quedan en nivel alto, entre eles as sete principais cidades.