EPA | A poboación ocupada aumentou en Galicia en 16.900 persoas en Galicia durante o segundo trimestre do ano e queda en 1,08 millóns, 26.300 máis que hai un ano, segundo os resultados da Enquisa de Poboación Activa que veñen de facerse públicos. No mesmo período, a poboación en situación de desemprego diminuíu en 5.900 persoas, ata as 152.400, isto é, aínda 9.900 máis que doce meses antes.
Fálase
Suspendido o XV Encontro de Embarcacións Tradicionais, que se ía celebrar do 5 ao 8 de agosto en Moaña, por mor do incremento de restricións da Xunta pola COVID. "O cambio na situación epidemiolóxica de nivel medio a alto de restricións, e ante unha posible entrada no nivel máximo na vindeira semana, avaliamos que non se dan as circunstancias para desenvolver o encontro con plenas garantías", sinala o comité organizador.
A Xunta eleva outros 6 concellos a nivel máximo de restricións pola COVID (Muros, Baiona, Burela, Foz, Viveiro e Monterroso) e serán un total de 12 dende o sábado (seguen nel Boiro, O Barco, Cambados, Meaño, O Grove e Sanxenxo). Ademais, 48 municipios quedan en nivel alto, entre eles as sete principais cidades.
O DOG publica as leis galegas contra a violencia vicaria e a discriminación de científicas que sexan nais, que entran en vigor este xoves e, no caso das novas convocatorias da segunda norma, dentro de tres meses.
Os descontos da AP-9 estarán en vigor dende mañá, 29 de xullo. O BOE publica este mércores o Real Decreto que os regula, tras a súa aprobación no Consello de Ministros do martes. Estas rebaixas nas peaxes da Autoestrada do Atlántico foron parte do pacto do BNG co PSOE para a investidura de Pedro Sánchez.
O Consello de Ministros nomea á galega Isabel Pardo de Vera nova número 2 do Ministerio de Transportes. Pardo de Vera era desde hai tres anos presidenta de Adif e agora será secretaria de Estado da nova ministra, Raquel Sánchez.
O Consello de Ministros aproba a rebaixa de peaxes na AP-9 que este luns concretou na Coruña a ministra de Transportes. Agora ten que ser publicada no BOE e entrará en vigor ao día seguinte, previsiblemente de cara á fin de semana.
O autor do recurso contra o cambio de nome da antiga avenida Xoán Carlos I de Pontevedra polo de Virxinia Pereira desiste do proceso. Os servizos xurídicos municipais constatan que, deste xeito, a mudanza que xa é efectiva dende o pasado abril vira definitiva. "Pontevedra ten a honra de ser a primeira cidade de quitar o Borbón do rueiro para poñer o nome dunha muller emblemática como Virxinia Pereira", destaca o goberno local pontevedrés tras constatar a fin do proceso.
Os Verto revisitan a Muiñeira de Chantada nun tema con vocación de ser a canción do verán 2021. Tamén dispoñible en Spotify
- 📺VÍDEO | VINTE almorzando con Verto
“A partir da próxima semana” comezarán as rebaixas de peaxes na AP-9, segundo avanza Pedro Sánchez. O presidente anunciouno na súa intervención na entrega das Medallas de Galicia e este luns a ministra de Transportes concretará os detalles nun acto na Delegación do Goberno de España na Coruña.