A almacenaxe gratuíta de fotografías en Google Photos remata mañá, 1 de xuño. Mallando no Android explica as novas condicións deste popular servizo. (Imaxe: © Google)
Fálase
O Club Deportivo Lugo logra manter a categoría tras gañar ao Rayo Vallecano por 0-1 na derradeira xornada da Liga e continuará na tempada 2021-22 como único equipo galego na Segunda división masculina. Na imaxe (© CD Lugo), celebración dos xogadores e persoal do club no estadio de Vallecas, tras o encontro que certificou a súa décima campaña en Segunda.
Tomiño e Vila Nova de Cerveira presentan o proxecto definitivo do Parque da Amizade, que será o primeiro parque transfronteirizo da Eurorrexión e incluirá unha nova ponte para o tránsito peonil e ciclista. "O lugar onde máis próximas están as beiras do Miño no seu último treito, onde se miran Espazo Fortaleza de Goián e do Parque do Castelinho, vaise converter nun só parque sen mirar fronteiras", resalta a Deputación de Pontevedra. No acto, ademais da Deputación e dos concellos implicados no proxecto, participaron representantes dos gobernos galego, español e portugués.
O Diario Oficial de Galicia publica as mudanzas nas restricións da Xunta pola COVID-19 que estarán en vigor dende as 00:00 deste sábado, 29 de maio. Alén dos cambios de nivel de restricións por concellos, inclúe a ampliación dos límites ás reunións de non conviventes a 10 persoas ao aire libre e 6 en espazos interiores, entre outros. O Goberno galego especifica que as medidas xa recibiron o visto e prace do TSXG e o propio Tribunal así o confirma.
Falece aos 83 anos o veterano xornalista José Martínez Couselo. Boa parte da súa ampla traxectoria desenvolveuse no xornal El Correo Gallego, mais tamén dirixiu os servizos informativos de TVE en Galicia, participou nos primeiros anos da TVG, e dirixiu Atlántico Diario e a revista ECO. Exerceu, asemade, como xefe de prensa da Universidade de Santiago, ademais doutras moitas colaboracións con diversos xornais e revistas. (Imaxe: Revista ECO)
A conselleira de Medio Ambiente defende que en Galicia "non se caza o lobo", senón que unicamente se "xestiona" unha especie que non está "en perigo de extinción". Ángeles Vázquez pronunciouse nestes termos durante unha entrevista na TVG ao fío do incremento da protección aos lobos e a restrición á súa caza determinada polo Goberno de España. (Imaxe: ©TVG)
ENTREVISTA | En VINTE, Baiuca fala sobre o seu novo disco, 'Embruxo', no que trata de explorar cunha nova ollada os mitos galegos máis ancestrais para levalos á pista de baile. Unha entrevista de María Yáñez
A Consellería de Sanidade manterá sen cambios o mapa de restricións pola COVID-19 ata finais da vindeira semana. Tras a reunión do subcomité clínico celebrada esta mañá, a Xunta determina que as medidas que entrarán en vigor na vindeira medianoite -agás pronunciamento contrario do TSXG- serán revisadas o martes. Estas últimas mudanzas aínda non están publicadas no DOG e as que atinxen a dereitos fundamentais precisan o visto e prace previo do tribunal.
Jácome asegura manter contactos "ao máis alto nivel" co PP para retomar o bipartito no Concello de Ourense. O alcalde ourensán afirmouno nunha rolda de prensa para facer balance dous anos despois das eleccións municipais. (Imaxe: Concello de Ourense)
O presidente da República portuguesa, Marcelo Rebelo de Sousa, recibe a Feijóo en Lisboa e asegura que fará unha etapa do Camiño de Santiago. Segundo o presidente da Xunta, Rebelo tamén lle manifestou o seu "apoio" á mellora da conexión ferroviaria da Coruña a Lisboa. O mandatario do país veciño xa se expresara nestes termos o pasado marzo ao recibir unha delegación do Eixo Atlántico.