ENTREVISTA | En VINTE, Baiuca fala sobre o seu novo disco, 'Embruxo', no que trata de explorar cunha nova ollada os mitos galegos máis ancestrais para levalos á pista de baile. Unha entrevista de María Yáñez
Fálase
A Consellería de Sanidade manterá sen cambios o mapa de restricións pola COVID-19 ata finais da vindeira semana. Tras a reunión do subcomité clínico celebrada esta mañá, a Xunta determina que as medidas que entrarán en vigor na vindeira medianoite -agás pronunciamento contrario do TSXG- serán revisadas o martes. Estas últimas mudanzas aínda non están publicadas no DOG e as que atinxen a dereitos fundamentais precisan o visto e prace previo do tribunal.
Jácome asegura manter contactos "ao máis alto nivel" co PP para retomar o bipartito no Concello de Ourense. O alcalde ourensán afirmouno nunha rolda de prensa para facer balance dous anos despois das eleccións municipais. (Imaxe: Concello de Ourense)
O presidente da República portuguesa, Marcelo Rebelo de Sousa, recibe a Feijóo en Lisboa e asegura que fará unha etapa do Camiño de Santiago. Segundo o presidente da Xunta, Rebelo tamén lle manifestou o seu "apoio" á mellora da conexión ferroviaria da Coruña a Lisboa. O mandatario do país veciño xa se expresara nestes termos o pasado marzo ao recibir unha delegación do Eixo Atlántico.
O festival O Son do Camiño confirma que se vai adiar a 2022 porque, "malia á evolución favorable" da pandemia, "é imposible desenvolver un evento destas características tal e como viñamos facéndoo ata agora". A organización do festival informa de que as entradas xa mercadas para 2021 serán válidas para 2022, pero tamén será posible o reembolso. Avanza tamén que neste 2021 desenvolverá no mesmo Monte do Gozo "unha nova proposta" acorde "ás actuais circunstancias" co formato de ciclo de concertos e coa denominación O Son do Camiño-Perseidas. A programación "darase a coñecer a semana que vén".
Goberno central, empresarios e sindicatos alcanzan un preacordo para ampliar os ERTE ata o 30 de setembro. A Seguridade Social propón ampliar as axudas ás empresas pero mantendo o modelo de incentivos que defende o ministro Escrivá.
O profesor Carlos Callón, presidente de honra d'A Mesa pola Normalización Lingüística, intervén no programa Esta Manhã da portuguesa TVI para explicar as ligazóns lingüísticas galego-portuguesas e aprender aos presentadores do espazo algunhas palabras compartidas (Imaxe: © TVI)
A Xunta amplía o máximo de persoas permitido nas reunións entre non conviventes pola COVID: de 4 a 6 en interiores e de 6 a 10 en exteriores. Feijóo confirma que, polo momento, continuará o veto a estes encontros da 1 ás 6 da mañá. Sinala o presidente da Xunta que tamén serán ampliadas ata o 75% as capacidades permitidas en comercios, actividades culturais e académicas agás nos concellos coas restricións máis elevadas, sempre que se poida manter distancia de seguridade.
O proxecto da Deputación de Lugo para a "recuperación e posta en valor" dos soutos da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá gaña na fase de voto popular da Copa España Creativa con case 23.000 votos, o 35,6% do total. Esta fase supón o 40% do resultado final do certame e o 60% procederá dun xurado experto, que ditaminará en setembro. Neste vídeo, a exposición do proxecto para a votación e o xurado.
Lobios, A Pobra do Caramiñal e Mos entran no nivel máximo de restricións pola COVID-19 establecidas pola Xunta. Segundo vén de comunicar Sanidade, o comité clínico tamén determinou na súa reunión deste martes o nivel alto de restricións para os municipios de Ribeira, Ordes, Moraña, Ponte Caldelas e Viveiro.
No nivel medio medio estarán os concellos de O Barco de Valdeorras, Moaña, Ponteareas, Cambados, Bueu, Boiro, Rianxo, Cee, Xove, Cervo, Vilalba e Monforte. Mentres que no resto fican vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo, pois a incidencia a sete días permanece estable na maioría de áreas sanitarias. Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00.00 horas do vindeiro sábado, 29 de maio.
- MAPA INTERACTIVO | Restricións da Xunta polo coronavirus a partir do 29 de maio