O proxecto da Deputación de Lugo para a "recuperación e posta en valor" dos soutos da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá gaña na fase de voto popular da Copa España Creativa con case 23.000 votos, o 35,6% do total. Esta fase supón o 40% do resultado final do certame e o 60% procederá dun xurado experto, que ditaminará en setembro. Neste vídeo, a exposición do proxecto para a votación e o xurado.
Fálase
Lobios, A Pobra do Caramiñal e Mos entran no nivel máximo de restricións pola COVID-19 establecidas pola Xunta. Segundo vén de comunicar Sanidade, o comité clínico tamén determinou na súa reunión deste martes o nivel alto de restricións para os municipios de Ribeira, Ordes, Moraña, Ponte Caldelas e Viveiro.
No nivel medio medio estarán os concellos de O Barco de Valdeorras, Moaña, Ponteareas, Cambados, Bueu, Boiro, Rianxo, Cee, Xove, Cervo, Vilalba e Monforte. Mentres que no resto fican vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo, pois a incidencia a sete días permanece estable na maioría de áreas sanitarias. Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00.00 horas do vindeiro sábado, 29 de maio.
- MAPA INTERACTIVO | Restricións da Xunta polo coronavirus a partir do 29 de maio
O Tribunal Superior de Xustiza valida a prórroga das restricións da Xunta pola COVID-19 que atinxen a dereitos fundamentais ata o vindeiro 29 de maio. O alto tribunal galego considera, nun auto notificado este martes, que a restrición temporal fai "proporcionadas e necesarias" as medidas de limitación de encontros entre non conviventes entre a 1 e as 6 da madrugada e as limitacións de reunións sociais a 6 non conviventes no exterior e 4, en espazos interiores.
O Ministerio de Dereitos Sociais acorda coas comunidades autónomas o acollemento de nenas e nenos migrantes procedentes de Ceuta, que no caso de Galicia serán vinte. Na imaxe, a ministra Ione Belarra dando conta do acordo. Belarra destaca a "responsabilidade" amosada polas comunidades autónomas no pacto.
Falece aos 86 anos de idade Adolfo Campos Panadeiros, ex-alcalde de Dozón polo PP. Campos exerceu a alcaldía deste municipio durante 33 anos e abandonou o posto en xuño de 2020 por razóns de saúde. Daquela fora substituído polo tenente de alcalde, o seu fillo Adolfo Campos Vázquez. A Deputación de Pontevedra, a Fegamp e o PP provincial, entre outras entidades, trasladaron as súas condolencias.
Falece Xosé Represas, alcalde de Ponteareas polo BNG ata o pasado abril, cando tivo que abandonar o cargo por razóns de saúde. O falecemento foi confirmado esta mañá pola Deputación de Pontevedra, institución que sinala que Represas foi un "gran servidor público e a súa marcha déixanos un gran baleiro".
Falece en México Xerardo Moscoso, cofundador de Voces Ceibes. Economía Digital Galicia vén de informar do seu pasamento.
Diversas entidades concentráronse este sábado ante a torre de Caldaloba, en Cospeito, para pedir a súa recuperación. Malia ser declarada Ben de Interese Cultural (BIC) en 1994, está en risco de derruba.
O Goberno de España outorga a Medalla ao Mérito da Protección Civil ao piloto falecido en Lobios o pasado setembro xunto a un compañeiro portugués mentres traballaban na extinción dun incendio. A familia recibiu a condecoración na base aérea de Matacán, en Salamanca, de onde era Maximiliano Plaza, de 38 anos.
Xa están no Diario Oficial de Galicia os cambios nas restricións da Xunta pola COVID-19 previstos dende as 00:00 deste sábado, 22 de maio. Alén dos cambios de nivel nunha trintena de concellos, o Goberno galego impón máscara no traballo en espazos compartidos e ratifica a ampliación do horario dos bares ata a 1 da madrugada e a prórroga dos límites ás reunións entre non conviventes nos termos que xa estaban vixentes dende a fin do Estado de Alarma.
- MAPA INTERACTIVO | Restricións da Xunta pola COVID-19 dende o 22 de maio