O Goberno de España outorga a Medalla ao Mérito da Protección Civil ao piloto falecido en Lobios o pasado setembro xunto a un compañeiro portugués mentres traballaban na extinción dun incendio. A familia recibiu a condecoración na base aérea de Matacán, en Salamanca, de onde era Maximiliano Plaza, de 38 anos.
Fálase
Xa están no Diario Oficial de Galicia os cambios nas restricións da Xunta pola COVID-19 previstos dende as 00:00 deste sábado, 22 de maio. Alén dos cambios de nivel nunha trintena de concellos, o Goberno galego impón máscara no traballo en espazos compartidos e ratifica a ampliación do horario dos bares ata a 1 da madrugada e a prórroga dos límites ás reunións entre non conviventes nos termos que xa estaban vixentes dende a fin do Estado de Alarma.
- MAPA INTERACTIVO | Restricións da Xunta pola COVID-19 dende o 22 de maio
Amelia Pérez, elixida nova secretaria xeral de CC.OO. en Galicia no congreso do sindicato. É a primeira muller en encabezar esta central sindical na súa historia en Galicia. Pérez é traballadora do sector do comercio e, dende 1999, delegada sindical en Zara en Vigo, onde veu exercendo como secretaria xeral da unión comarcal da central nos últimos oito anos.
Unha escultura de Ramón Conde titulada “Acordo xusto” presidirá a nova Cidade da Xustiza de Vigo no antigo Hospital Xeral. A Xunta pagará 132.000 euros por ela, da que di que “ten algo de visceral e multicultural ao representar co símbolo máis universal do apertón de mans entre dúas partes en conflito, que alcanzan un acordo que satisfai a ambas as partes e que emocionalmente fainos sentir como xusto”. Conde é autor doutras obras na cidade como os ‘redeiros’ que hai en Gran Vía.
A exposición Galicia, de Nós a nós pode verse desde xa no Museo de Pontevedra ata o 11 de xullo tras o seu paso previo por Santiago e Ourense. Recuperamos unha ducia de paradas obrigadas na mostra.
Pere Aragonès, investido como novo presidente da Generalitat de Catalunya cos votos a prol de ERC, Junts e CUP. O último membro de ERC que presidira o Govern catalán fora Josep Tarradellas, como presidente provisional tras a restauración da institución. O Parlamento catalán non investía un presidente de Esquerra dende Lluís Companys (1933).
Xunta e Goberno de España acordan negociar as discrepancias sobre o apartado da Lei de Saúde galega que atinxe a dereitos fundamentais. O artigo cuestionado polo executivo central, que tamén contemplaba a posibilidade dunha vacinación obrigatoria, quedou en suspenso hai dous meses ao recorrelo ante o Tribunal Constitucional. A negociación que agora se abre pretende resolver o conflito sen que interveña o tribunal.
Alto o fogo de Israel cara a Hamás dende a pasada madrugada. Calcúlase que en pouco máis dunha semana de ofensiva israelí morreron máis de 200 persoas en Gaza e miles resultaron feridas, por 12 vítimas mortais en territorio do Estado hebreo. O secretario xeral da ONU, António Guterres, clama por un "diálogo serio" que evite retomar os enfrontamentos e subliña que Gaza debe ser "parte integral dun futuro Estado palestino". Na imaxe (@PalestinaHoy), un edificio en Gaza destruído por un bombardeo.
- OPINIÓN | Netanyahu. Por Xulio Ríos
- OPINIÓN | A Nakba. Por Moncho Iglesias
Un tremor de terra de magnitude 3,9 mbLg con epicentro en Laza foi percibido ás 00:35 da pasada noite en gran parte de Galicia. É un movemento sísmico máis dentro do enxame que, nos últimos días, concentra máis de 70 tremores na provincia de Ourense, segundo datos do IGN. GCiencia está a analizar nas últimas xornadas o acontecido. (Imaxe: IGN)
A Xunta deixa Lobios como único concello en nivel máximo de restricións pola COVID-19 dende as 00:00 do sábado, día 22. Segundo vén de comunicar Sanidade, case unha trintena de concellos cambian de nivel. No alto pasan a estar Cambados, Vilanova de Arousa, Moraña, Ponte Caldelas, Mos, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Oleiros. No medio quedan Barbadás, O Barco de Valdeorras, Santiso, Boiro, Rianxo, Padrón, Ordes, Valga, Ames, Carral, Fisterra, Cee, Bueu, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Cangas, Moaña, Salceda de Caselas, Chantada, Viveiro e Cervo. Ademais, a Xunta equipara o horario de peche dos bares ao dos restaurantes, quedando ambos fixados na 1 da madrugada e ambos condicionados a teren medidores de CO2 para poder facelo.
- MAPA INTERACTIVO | Restricións da Xunta polo coronavirus dende o 22 de maio