O Tribunal Superior de Xustiza valida a prórroga das restricións da Xunta pola COVID-19 que atinxen a dereitos fundamentais ata o vindeiro 29 de maio. O alto tribunal galego considera, nun auto notificado este martes, que a restrición temporal fai "proporcionadas e necesarias" as medidas de limitación de encontros entre non conviventes entre a 1 e as 6 da madrugada e as limitacións de reunións sociais a 6 non conviventes no exterior e 4, en espazos interiores.
Fálase
O Ministerio de Dereitos Sociais acorda coas comunidades autónomas o acollemento de nenas e nenos migrantes procedentes de Ceuta, que no caso de Galicia serán vinte. Na imaxe, a ministra Ione Belarra dando conta do acordo. Belarra destaca a "responsabilidade" amosada polas comunidades autónomas no pacto.
Falece aos 86 anos de idade Adolfo Campos Panadeiros, ex-alcalde de Dozón polo PP. Campos exerceu a alcaldía deste municipio durante 33 anos e abandonou o posto en xuño de 2020 por razóns de saúde. Daquela fora substituído polo tenente de alcalde, o seu fillo Adolfo Campos Vázquez. A Deputación de Pontevedra, a Fegamp e o PP provincial, entre outras entidades, trasladaron as súas condolencias.
Falece Xosé Represas, alcalde de Ponteareas polo BNG ata o pasado abril, cando tivo que abandonar o cargo por razóns de saúde. O falecemento foi confirmado esta mañá pola Deputación de Pontevedra, institución que sinala que Represas foi un "gran servidor público e a súa marcha déixanos un gran baleiro".
Falece en México Xerardo Moscoso, cofundador de Voces Ceibes. Economía Digital Galicia vén de informar do seu pasamento.
Diversas entidades concentráronse este sábado ante a torre de Caldaloba, en Cospeito, para pedir a súa recuperación. Malia ser declarada Ben de Interese Cultural (BIC) en 1994, está en risco de derruba.
O Goberno de España outorga a Medalla ao Mérito da Protección Civil ao piloto falecido en Lobios o pasado setembro xunto a un compañeiro portugués mentres traballaban na extinción dun incendio. A familia recibiu a condecoración na base aérea de Matacán, en Salamanca, de onde era Maximiliano Plaza, de 38 anos.
Xa están no Diario Oficial de Galicia os cambios nas restricións da Xunta pola COVID-19 previstos dende as 00:00 deste sábado, 22 de maio. Alén dos cambios de nivel nunha trintena de concellos, o Goberno galego impón máscara no traballo en espazos compartidos e ratifica a ampliación do horario dos bares ata a 1 da madrugada e a prórroga dos límites ás reunións entre non conviventes nos termos que xa estaban vixentes dende a fin do Estado de Alarma.
- MAPA INTERACTIVO | Restricións da Xunta pola COVID-19 dende o 22 de maio
Amelia Pérez, elixida nova secretaria xeral de CC.OO. en Galicia no congreso do sindicato. É a primeira muller en encabezar esta central sindical na súa historia en Galicia. Pérez é traballadora do sector do comercio e, dende 1999, delegada sindical en Zara en Vigo, onde veu exercendo como secretaria xeral da unión comarcal da central nos últimos oito anos.
Unha escultura de Ramón Conde titulada “Acordo xusto” presidirá a nova Cidade da Xustiza de Vigo no antigo Hospital Xeral. A Xunta pagará 132.000 euros por ela, da que di que “ten algo de visceral e multicultural ao representar co símbolo máis universal do apertón de mans entre dúas partes en conflito, que alcanzan un acordo que satisfai a ambas as partes e que emocionalmente fainos sentir como xusto”. Conde é autor doutras obras na cidade como os ‘redeiros’ que hai en Gran Vía.