O Sergas sinala que a folga convocada polo sindicato médico CESM tivo un 14,2% de "seguimento global" durante a mañá e redúceo ao 5,38% na Atención Primaria. Por áreas, Sanidade indica que o seguimento foi maior en Vigo (23,71%), seguida de Lugo (15,31%), Santiago (13,91%), Ferrol (12,90%), Ourense (12,86%), A Coruña (11,38) e Pontevedra (6,99). Sempre segundo a Xunta, a folga "motivou a suspensión de 164 cirurxías", o 26% da "actividade media diaria", 3.764 consultas (19% da media) e 398 probas diagnósticas (2,8% do habitual). Na imaxe [©CESM], concentración de persoal médico ante o hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, esta mañá.
Fálase
O histórico sindicalista Suso Díaz pechará a lista de Podemos e Esquerda Unida nas municipais da Coruña, que encabeza o antigo edil da Marea Atlántica José Manuel Sande, que destaca o seu "compromiso inquebrantable coa democracia" e agradece o "paso adiante" de quen tamén é pai de Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda do Goberno de España e ministra de Traballo.. A candidatura, coa denominación Por Coruña, agrupa a Podemos e EU e mais a Alianza Verde. Na imaxe, Díaz e Sande.
O Tribunal Supremo ratifica a sentenza da Audiencia Nacional pola corrupción da Gürtel nos contratos da visita do Papa Bieito XVI a València, con condenas de ata 15 anos para líderes da trama como Pablo Crespo, antigo secretario de organización do PP de Galicia -na imaxe, comparecendo no Congreso en 2018-.
28A | O ex-alcalde Xulio Ferreiro pechará a lista da Marea Atlántica nas eleccións municipais da Coruña, que encabeza Xan Xove. "Se eu fun alcalde, foi grazas a persoas como Xan, xente de confianza, humilde, xenerosa e intelixente que se comprometeron cun modelo de cidade e traballaron moi duro para facelo real", di Ferreiro, actual decano da facultade de Dereito da UDC, quen coida que o seu sucesor á fronte da lista da formación é "un excelente candidato".
Rueda inclúe na súa axenda oficial un almorzo informativo con Ayuso e Feijóo en Madrid e di que a madrileña “demostrará o seu liderado” nas eleccións de maio. O presidente da Xunta asiste como tal a un acto no Hotel Mandarín Oriental Ritz presentado por Feijóo e coa presidenta madrileña como protagonista.
O rei emérito visitará Sanxenxo para participar nunha regata a vindeira semana. Será a segunda visita de Juan Crlos I a territorio español desde que marchou vivir a Abu Dhabi polo escándalo dos seus negocios irregulares.
A autoestrada A-52 en sentido Benavente está cortada en Lubián (Zamora), no límite con Galicia, por mor do incendio sufrido por un camión, segundo informan os servizos de emerxencia de Castela e León.
Galicia viviu o mes de marzo máis cálido dende o 2012, informa Meteogalicia no remate dunha Semana Santa na que, ademais, os termómetros superaron os 30 graos nalgúns puntos do país. Os datos de marzo engádense aos de febreiro, un mes que rexistrou máximas elevadas e un nivel de precipitacións moi reducido, que o converteu no febreiro máis seco dende 2012. Esta semana, iso si, as temperaturas descenderán de forma considerable
Medio cento de colectivos participan no Encontro Burla Verde, que se celebrará o 29 de abril en Sabucedo, un evento cultural e reivindicativo "para unha transición enerxética real". Ademais de mesas redondas e un xantar de confraternidade, haberá contacontos, teatro e concertos, coa participación xa confirmada de Mounqup, O Rabelo, Sonoro Maxin, Garcia Mc, Toma de Terra, O Leo de Matamá, Maria Lado e Lucia Aldao, Guadi Galego, Xoan Curiel, Uxía Senlle, Xurxo Souto, Jasper, Isabel Risco, NOGA, Aloumiños do Bosque, Peter Punk e Anxo Moure. As entidades anfitrioas son Rapa das Bestas de Sabucedo, SOS Suído Seixo, Colectivo do Vento, Asociación Veciñal e Sociocultural Ambiental Alarma na Terra de Montes e A de Rousmeri Caroi.
Este Venres Santo Praza.gal non se actualiza por descanso do persoal. Pero deixamos moito para lerdes e o sábado estamos de volta :)