Medio cento de colectivos participan no Encontro Burla Verde, que se celebrará o 29 de abril en Sabucedo, un evento cultural e reivindicativo "para unha transición enerxética real". Ademais de mesas redondas e un xantar de confraternidade, haberá contacontos, teatro e concertos, coa participación xa confirmada de Mounqup, O Rabelo, Sonoro Maxin, Garcia Mc, Toma de Terra, O Leo de Matamá, Maria Lado e Lucia Aldao, Guadi Galego, Xoan Curiel, Uxía Senlle, Xurxo Souto, Jasper, Isabel Risco, NOGA, Aloumiños do Bosque, Peter Punk e Anxo Moure. As entidades anfitrioas son Rapa das Bestas de Sabucedo, SOS Suído Seixo, Colectivo do Vento, Asociación Veciñal e Sociocultural Ambiental Alarma na Terra de Montes e A de Rousmeri Caroi.
Fálase
Este Venres Santo Praza.gal non se actualiza por descanso do persoal. Pero deixamos moito para lerdes e o sábado estamos de volta :)
Rueda asegura que non dedicou "nin un minuto nin dez segundos" a "pensar" nun posible adianto das eleccións galegas para facelas cadrar coas xerais, previstas para decembro. O presidente da Xunta e do PP en Galicia responde así á prensa tras o Consello do Goberno galego -na imaxe- despois de que esta semana o xornal El Español apuntase a un eventual adianto dos comicios galegos citando fontes da dirección estatal do partido, que encabeza o ex-presidente Feijóo. [Foto: CC BY-SA David Cabezón / Xunta]
Pepe Mujica e Rafael Pillado, galardoados co Recoñecemento Acampa á defensa dos Dereitos Humanos, que se entregará no marco do VII Encontro Internacional Acampa pola Paz que se celebrará entre o 16 e o 18 de xuño na Coruña. As organizacións e as persoas inscritas no Movemento Acampa pola Paz escolleron o ex-presidente uruguaio e o sindicalista ferrolán, falecido o pasado 20 de febreiro, como meredores dun recoñecemento que subliña a súa "defensa dos pobres, os esquecidos e os invisibles".
PARO REXISTRADO | As inscricións nas oficinas de emprego diminuíron en 2.245 en marzo en Galicia (-1,56% e na media estatal, -1,67%) e quedan en 141.847, o que supón un -7,49% a respecto de hai un ano, mentres que no total estatal o descenso é do -7,93%. No mesmo mes, a afiliación media á Seguridade Social aumentou en Galicia un 0,74% (+1,02% no total estatal), ata 1,044 millóns de cotizantes, isto é, un 1,47% máis que en marzo de 2022, fronte a un avance interanual medio no Estado do 2,73%.
A UE confirma a Francia que non prohibirá a pesca de arrastre nas zonas mariñas protexidas. Anunciouno este domingo o goberno galo logo dun encontro co comisario europeo de Medio Ambiente e Pesca, Virginijus Sinkevicius, que confirmou que non imporá o veto de artes de fondo nin en 2024 nin en 2030, malia o plan presentado pola Comisión. Foto: CC-BY-NC Periódico Resumen.
A Xunta anuncia unha viaxe de Rueda a Panamá, Venezuela e México do 12 ao 17 de abril. O obxectivo, di o Goberno galego, é "manter encontros empresariais e institucionais". É a súa segunda viaxe a América como presidente tras visitar o pasado outubro Arxentina e Uruguai (na imaxe, en Buenos Aires).
O presidente de Asturias, Adrián Barbón, culpa dos incendios no Principado ao "terrrorismo medioambiental", di que a vaga foi "claramente organizada" e súmase ás teses que antes defendera a Xunta de Feijóo e que desmentiron desde a Fiscalía ata á policía, ademais das propias comisións de investigación.
Catro mozos mortos e un ferido grave ao caer o seu coche por un barranco en Xove. As vítimas son dous homes e dúas mulleres de Ribadeo. O sinistro produciuse ás 9:40 horas no punto quilómetro 1,100 da estrada LU-P-2604, á altura da urbanización Palmeiro. Imaxe: CRTVG.
O vindeiro curso escolar iniciarase en Galicia o venres 8 de setembro para todas as etapas. É a proposta que a Consellería de Cultura e Educación remitiu aos sindicatos e na que o curso 2023-24 finalizará o xoves 20 de xuño.