O Consello de Ministros aproba a venda en farmacias sen receita de test de autodiagnóstico para detectar a COVID-19. A portavoz do Goberno de España, Isabel Rodríguez, insistiu en que se a proba dá positivo a persoa debe acudir ao sistema sanitario para comprobar o diagnóstico.
Fálase
A Audiencia da Coruña decreta que a investigación polo asasinato de Samuel Luiz continúe baixo segredo. O tribunal di que “debería prolongarse, polo menos, ata que se realicen os actos de instrución substanciais”, entre eles as declaracións no xulgado das persoas que presenciaron os feitos.
O Consello de Ministros aproba o inicio da tramitación da Lei de Memoria Democrática. Entre os preceptos da norma, que agora é remitida ao Congreso, figura o impulso ás exhumacións das vítimas da ditadura que continúan en foxas ou a anulación das condenas políticas do franquismo. Tamén institúe o 31 de outubro como Día das Vítimas do franquismo e o 8 de maio, a xornada dedicada á lembranza ás persoas exiliadas. Na imaxe, unha exhumación de restos de asasinados polos golpistas, na Pobra do Brollón en 2016.
A ministra de Industria asegura, tras reunirse co conselleiro delegado de Alcoa nos EUA, Roy Harvey, que a multinacional está disposta a vender a factoría de aluminio da Mariña e a facelo "directamente a terceiros". Reyes Maroto afirma que trasladou a Harvey o pactado coa Xunta e os sindicatos e tamén que o Estado está "disposto a ofrecer as ferramentas de acompañamento públicas" para "verificar que o comprados sexa solvente". "O noso obxectivo -agrega- é que a venda se anuncie, como moi tarde, o 30 de setembro".
Pablo Casado "recomenda" que "vaian vivir a Cuba" a "eses da esquerda aos que tanto lles gusta". Afirmouno nunha entrevista coa axencia de Vocento, Colpisa, que este domingo publican varios xornais do grupo ou ligados a el. Casado continúa este domingo en Galicia tras participar, na xornada do sábado, no congreso do PPdeG que reelixiu a Feijóo (na imaxe). [Foto: © PP]
- HEMEROTECA (xuño 2021) | O PP galego súmase á condena do embargo a Cuba e quere que a Xunta así o diga aos Estados Unidos
- HEMEROTECA (2018) | O PP ataca a viaxe de Pedro Sánchez a Cuba tras dúas visitas oficiais de Feijóo á illa
- HEMEROTECA (2013) | A "festa televisada" de Fraga e Fidel Castro
Este sábado foi unha xornada de calor abafante en practicamente toda Galicia agás puntos do norte, especialmente na Mariña. Meteogalicia destaca que a cidade de Ourense ou Remuíño, na Arnoia, superaron os 40 graos. Agrega tamén que dende o domingo, "as máximas irán en progresivo descenso, especialmente significativo no litoral atlántico polas brétemas costeiras".
O PP de Galicia elixe a Feijóo como presidente por quinta vez co 98,3% dos votos emitidos polos compromisarios do congreso que o partido celebra en Santiago.
O papa Francisco prohibe a celebración de misas en latín e de costas á freguesía seguindo o rito previo ao Concilio Vaticano II, agás contadas excepcións. Os papas Xoán Paulo II e Bieito XVI abriron a man na recuperación deses rituais co aplauso dos sectores máis ultraconservadores da Igrexa católica. Explícao o xornal especializado Religión Digital. Na imaxe (catholicvs.blogspot.com), un destes rituais preconciliares, nunha capela de Lugo.
A Audiencia Nacional anula a prórroga da concesión de ENCE na ría de Pontevedra concedida polo Goberno de Rajoy en funcións no 2016. Estima así os recursos formulados polo Concello de Pontevedra e Greenpeace.
A xuíza ratifica a prisión provisional para os tres acusados polo asasinato de Samuel Luiz enviados á cadea a pasada semana por risco de fuga e destrución de probas. A maxistrada citáraos para avaliar a procedencia de manter a medida ditada polo xulgado de garda. Na imaxe (CC BY-NC-SA Praza Pública), homenaxes a Samuel no lugar do crime.