O PP de Galicia elixe a Feijóo como presidente por quinta vez co 98,3% dos votos emitidos polos compromisarios do congreso que o partido celebra en Santiago.

O PP de Galicia elixe a Feijóo como presidente por quinta vez co 98,3% dos votos emitidos polos compromisarios do congreso que o partido celebra en Santiago.
O papa Francisco prohibe a celebración de misas en latín e de costas á freguesía seguindo o rito previo ao Concilio Vaticano II, agás contadas excepcións. Os papas Xoán Paulo II e Bieito XVI abriron a man na recuperación deses rituais co aplauso dos sectores máis ultraconservadores da Igrexa católica. Explícao o xornal especializado Religión Digital. Na imaxe (catholicvs.blogspot.com), un destes rituais preconciliares, nunha capela de Lugo.
A Audiencia Nacional anula a prórroga da concesión de ENCE na ría de Pontevedra concedida polo Goberno de Rajoy en funcións no 2016. Estima así os recursos formulados polo Concello de Pontevedra e Greenpeace.
A xuíza ratifica a prisión provisional para os tres acusados polo asasinato de Samuel Luiz enviados á cadea a pasada semana por risco de fuga e destrución de probas. A maxistrada citáraos para avaliar a procedencia de manter a medida ditada polo xulgado de garda. Na imaxe (CC BY-NC-SA Praza Pública), homenaxes a Samuel no lugar do crime.
Estragan pintando coas cores da bandeira de España un banco de Sada que lucía a bandeira do movemento LGBTI+. O BNG de Sada, que fai parte do goberno local e difundiu a imaxe, encadra este estrago nunha "onda de homofobia que estamos a sufrir e que tamén ten a súa incidencia" na vila, din. "Entre todas ímola parar", afirman. Os bancos, situados na contorna do IES Isaac Díaz Pardo, foran inaugurados en 2019 polo Concello sadense en colaboración con Chrysallis Galicia (Imaxe: BNG Sada)
O Parlamento expresa por unanimidade "condena e repulsa polo vil asasinato de Samuel Luiz" e as expresións homófobas proferidas polos autores do crime e lembra "a importancia de desterrar da nosa sociedade o odio á diversidade sexual". A través dunha declaración institucional -figura que require a unanimidade dos grupos-, o lexislativo galego recoñece tamén "o comportamento heroico dos cidadáns senegaleses que non dubidaron en acudir ao auxilio" da vítima, "tentando deter o seu linchamento". O texto íntegro pódese ler nesta ligazón.
Tellado recuncará como 'número dous' de Feijóo no PP. O presidente da Xunta e líder dos conservadores confirma que o volverá designar como secretario xeral no congreso que o partido celebra esta fin de semana. En 2016 (na imaxe) situouno no cargo que na década anterior exercera Alfonso Rueda.
A Deputación de Lugo denuncia ante a Garda Civil o estrago de máis de 100 metros de estrada en Portomarín cun arado. Trátase da LU-P-4902, de Alto do Valiño por Vilaxuste a Valdeporrás, que, sinala a institución lucense, "apareceu arada á altura do quilómetro 2,5". A Deputación lucense cifra nuns 90.000 euros o custo duns danos que, destaca, "puxeron en perigo ás persoas usuarias da vía, tendo en conta ademais que se produciu de madrugada"
A Xunta deixa 7 concellos en nivel alto de restricións pola COVID: Ourense, Barbadás, A Illa, Cambados, Vilagarcía, Vilanova e O Barco de Valdeorras. Outros 15 quedan en nivel medio, entre eles dúas cidades: Culleredo, Porto do Son, O Carballiño, Sarria, A Pobra do Caramiñal, Marín, Pontevedra, Redondela, Vigo, Caldas, Salceda de Caselas, Boiro, Ribadavia, Sanxenxo e Poio. Sanidade anuncia ademais a limitación a 10 persoas nas terrazas hostaleiras e a "recomendación" dese límite nos encontros privados de non conviventes no exterior e 6 en interiores. Alén disto, o requisito de presentar test negativo ou certificado de vacinación será obrigatorio en todos os pubs e discotecas dende a vindeira semana. Máis información, hoxe en Praza.gal
O xulgado ve "indicios de malversación" na "xestión de fondos" de Democracia Ourensana e anula o arquivo do pasado xaneiro. A xuíza destaca "saídas de cartos con destino a contas persoais do alcalde de Ourense e a contratación dunha persoa" para facer "as mesmas funcións para o Concello, a Deputación" e a tenda do rexedor. O caso fora denunciado por antigos membros da formación encabezada por Gonzalo Pérez Jácome, que o deixaron en minoría e trasladaron as presuntas irregularidades á Fiscalía. O xulgado acorda continuar as pescudas e "remitir copia da denuncia ao Tribunal de Contas". Contra este auto cabe recurso de apelación.