Pedro Sánchez anuncia a construción de "20.000 novas vivendas públicas en terreos do Ministerio de Defensa" e eleva a 183.000 o total das anunciadas para "alugueiro a prezo accesible". O presidente do Goberno de España anunciouno durante a súa comparecencia desta tarde no Senado, onde expón medidas do seu Executivo ligadas a paliar as consecuencias económicas da guerra en Ucraína. Imaxe tirada do sinal institucional do pleno do Senado.
Fálase
Uns 48.000 gandeiros e agricultores galegos terán unha rebaixa do 25% no IRPF pola seca e o impacto económico da guerra de Ucraína. O Ministerio de Facenda publicou este martes a orde que establece esta redución que inclúe baixadas específicas para sectores máis vulnerables, como o apícola.
Persoal da CRTVG concéntrase xa ante o Senado en Madrid nunha nova xornada de folga nos medios públicos. Os profesionais mobilizados aproveitan a presenza de Feijóo para sinalalo como "responsable da grave situación de manipulación informativa e represalias ás traballadoras en que deixou os medios públicos galegos". Máis información, esta tarde en Praza.gal.
Prime Video anuncia unha película baseada en Apocalipse Z, a saga de Manel Loureiro ambientada en Pontevedra, e unha docuserie sobre o cura Jesús Silva e a súa Cidade dos Muchachos de Benposta.
Os votos do PP frean no Parlamento a iniciativa do BNG para crear o Innogal, a súa proposta de organismo público para potenciar a investigación científica e estabilizar o persoal. Os populares acusan o Bloque de pretender crear un "chiringuito" e desdeñan a iniciativa por "copiar" modelos de Euskadi ou Catalunya, que Pontón sinala como referentes, porque " non se axustan á realidade do sistema galego de I+D+i". O PSdeG, pola súa banda, abstívose ao considerar que antes cumpriría modificar varias leis do sector aprobadas durante os mandatos de Feijóo. Ana Pontón lamenta o que considera unha "pinza" de populares e socialistas e coida que "a comunidade científica merece moito máis que argumentacións baseadas en propaganda". O Innogal, di, inspírase "no que se está facendo con éxito noutras partes" e iso é "política intelixente". Pero "unha vez máis, o PP sitúase no pasado". Pero o Bloque, conclúe, "seguirá traballando" para lograr crealo e así "colocar Galiza á vangarda da ciencia e da innovación".
Persoal da CRTVG afronta este martes outra xornada de folga, traslada as mobilizacións a Madrid e sinala a Feijóo. Profesionais da TVG e da Radio Galego mobilizaranse ás portas do Senado, onde se celebrará un pleno coa presenza do ex-presidente da Xunta, "responsable durante o seu mandato da grave situación de manipulación informativa e represalias en que deixou os medios públicos galegos".
Xuíces e fiscais anuncian unha folga indefinida a partir do vindeiro 16 de maio. Denuncian a falta de medios suficientes e elevadas cargas de traballo en tribunais e fiscalías. O paro únese aos doutros profesionais do sector nas últimas semanas, como os letrados e os funcionarios da Administración de Xustiza.
Unha concentración rodeou este domingo a sede central da Xunta para rexeitar “máis de 75 macroproxectos eólicos especulativos”. As entidades convocantes aseguran defender unha transición enerxética “xusta e sustentable e non á costa de todo”. [Imaxe: Adega]
Mariano Rajoy di que “como veciño” de Sanxenxo está contento da presenza na vila do rei emérito. Declarouno durante un paseo co alcalde da vila, o popular Telmo Martín, que aspira á reelección o 28 de maio e que convocou aos medios de comunicación. [Imaxe: PP de Sanxenxo]
A Real Academia Galega lembra que Sanxenxo é un topónimo galego e que esta é a única forma oficial recoñecida segundo a lexislación vixente. A RAG, como institución con competencia sobre o idioma galego e o seu uso, só recoñece esta forma, afirma nun comunicado a raíz das numerosas consultas recibidas despois de que a Real Academia Española recomendase empregar "a forma tradicional Sangenjo".
A académica correspondente Luz Méndez, membro do Seminario de Onomástica da RAG e presidenta da Asociación Galega de Onomástica, ten publicada unha tribuna sobre o topónimo Sanxenxo no sitio web da RAG. [Na imaxe, diferentes grafías deste topónimo]