Os votos do PP frean no Parlamento a iniciativa do BNG para crear o Innogal, a súa proposta de organismo público para potenciar a investigación científica e estabilizar o persoal. Os populares acusan o Bloque de pretender crear un "chiringuito" e desdeñan a iniciativa por "copiar" modelos de Euskadi ou Catalunya, que Pontón sinala como referentes, porque " non se axustan á realidade do sistema galego de I+D+i". O PSdeG, pola súa banda, abstívose ao considerar que antes cumpriría modificar varias leis do sector aprobadas durante os mandatos de Feijóo. Ana Pontón lamenta o que considera unha "pinza" de populares e socialistas e coida que "a comunidade científica merece moito máis que argumentacións baseadas en propaganda". O Innogal, di, inspírase "no que se está facendo con éxito noutras partes" e iso é "política intelixente". Pero "unha vez máis, o PP sitúase no pasado". Pero o Bloque, conclúe, "seguirá traballando" para lograr crealo e así "colocar Galiza á vangarda da ciencia e da innovación".