O Corno, gran triunfadora do OUFF de Ourense cos premios á Mellor Dirección e Mellor Película da Sección Panorama Galicia. Xunto ao filme de Jaione Camborda, Xavier Villaverde levou o galardón ao Mellor Guión polo documental María Casares: A muller que viviu mil vidas e Nathalie Poza o recoñecemento á Mellor Interpretación por Honeymoon. Florencio na Terra, de Domingo D. Docampo, acadou unha mención especial. A entrega de premios será o sábado 7 de outubro durante a Gala de Clausura do OUFF.
Fálase
A Editorial Galaxia recolle o Premio ao libro Mellor Editado 2022 por Maxina ou a filla espuria. O acto tivo lugar na Feira Internacional do Libro (LIBER) de Madrid e o galardón (terceiro premio na modalidade de facsímile) foi entregado pola directora xeral do Libro, o Cómic e a Lectura, María José Gálvez. A edición da obra de Marcial Valladares, considerada a primeira novela en galego, contou co deseño e maquetaxe de Hayat Husein e prólogo de X. A. Fernández Salgado.
Morre aos 85 anos José Silveira, empresario vigués propietario de Remolcanosa e Elcano que tamén tivo Povisa, empresas adxudicatarias de múltiples contratos públicos.
Rueda di que "a inmensa calidade das obras en galego" xustifica galardóns como a Cuncha de Ouro ou sucesivos premios nacionais de literatura, pero deslígaos do uso da lingua no Congreso. Preguntado polo feito de que sexa con Pedro Sánchez no Goberno central cando se estean a recibir tantos premios estatais a obras galegas e se autorice o uso do galego na Cámara Baixa, o presidente da Xunta di que o segundo é froito "dunha petición dos seus socios de investidura".
O escritor e dramaturgo noruegués Jon Fosse gaña o Nobel de Literatura "polas súas obras innovadoras e a súa prosa que dan voz ao indecible". [Fotografía CC BY-SA Tom A. Kolstad / Det Norske Samlaget]
O grupo Xeal vende as fábricas e as centrais hidroeléctricas a un grupo checo. A dirección das factorías informou por carta ao comité de empresa da venda do 100% das accións do grupo á empresa Energo-Pro.
X, antigo Twitter, xa non amosa nas súas previsualizacións os titulares das novas senón só as imaxes destas, que seguen servindo de enlace para acceder ás informacións. As imaxes só identifican que detrás do enlace hai un determinado medio de comunicación cunha pequena etiqueta sobreimpresa na parte inferior esquerda.
Rueda elixe a Manuel Pérez, ex-alcalde de Vigo e histórico apoio de Cuiña fronte a Feijóo na sucesión de Fraga, como novo presidente do Consello Económico e Social. Pérez, de 73 anos e moi implicado no apoio a Marta Fernández-Tapias como candidata popular en Vigo, sucederá a Agustín Hernández.
España, Portugal e Marrocos acollerán a celebración do Mundial de fútbol en 2030. A Coruña e Vigo aspiran a ser sede dos partidos que se xogarán na Península. Os partidos inaugurais do evento organizado pola FIFA serán no Uruguai, a Arxentina e Paraguai. [Imaxe ©FIFA]
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia presenta unha nova identidade corporativa que parte da balanza –o símbolo máis recoñecible da Xustiza– e da bandeira de Galicia. O deseñador Carlos el Rojo obtivo un imagotipo que pretende "transmitir a imaxe dunha institución seria e de confianza, á vez que moderna, aberta e que evoluciona coa sociedade", segundo detalla o propio TSXG.