A Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego. A dirección xeral de Emerxencias e Interior toma esta medida a partir desta tarde porque o vento soprará con forza no mar desde a media tarde deste sábado e as ondas poderán acadar os cinco metros de altura, segundo detalla Meteogalicia, e poderán chegar aos sete metros no noroeste. Tamén estará activa unha alerta amarela por precipitacións acumuladas en toda a provincia de Pontevedra, ademais de no oeste, suroeste e interior da Coruña, e mais no noroeste, no sur e na zona do Miño da provincia de Ourense.
A situación mantense o domingo, a borrasca centrada ao norte de Irlanda enviará ata o país unha nova fronte e a previsión indica que haberá ventos e chuvias fortes nas primeiras horas do día. A alerta laranxa na costa seguirá activa e a amarela estenderase a toda a provincia de Ourense, incluídas as zonas de montaña.