A Xunta decreta tres días de loito oficial polo afundimento do Villa de Pitanxo. O presidente Feijóo leu esta mañá unha declaración institucional na que ofreceu "todo tipo de axuda" ás familias afectadas e o Goberno galego gardou un minuto de silencio e reduciu a súa axenda institucional, aínda que non a suspendeu por completo.
Fálase
O Tribunal Constitucional portugués anula o reconto do voto emigrante en Europa nas recentes eleccións lexislativas e ordena repetir a votación nesa circunscrición por posibles irregularidades na identificación do electorado. A decisión, que chega tras un recurso do PSD, atrasa a constitución da nova Asemblea da República (na imaxe), pero non pon en risco a maioría absoluta lograda polo Partido Socialista -en Portugal, o sufraxio do exterior elixe unicamente 4 escanos-.
Naufraga en Terranova o pesqueiro Villa de Pitanxo, con base en Marín. Segundo informa Pontevedra Viva, foron localizadas tres das catro balsas salvavidas do arrastreiro, pero dúas delas estaban baleiras. A tripulación está formada por unha vintena de persoas; o Goberno de España confirma que 3 foron rescatadas e dá por feito que varias delas faleceron, se ben continúan os labores de busca. Está a contalo a TVG. [Foto: Vesselfinder.com]
- INFORMACIÓN EN ACTUALIZACIÓN 👉 Un pesqueiro con base en Marín naufraga en Terranova e morren varios dos seus tripulantes
O Vaticano desbota agora que o papa Francisco viaxe a Santiago durante este 2022. É unha información adiantada por Religión Digital, que cita fontes da Secretaría de Estado e apunta á posición da Conferencia Episcopal Española ante os casos de abusos sexuais entre os motivos da decisión da Santa Sé. Desaparece así a posibilidade de que o pontífice acuda a un encontro de mocidade católica na capital galega o vindeiro verán, co gallo do Xacobeo. Tanto o Arcebispado de Santiago como a Xunta expresaran a súa esperanza de que acudise. Na imaxe -divulgada pola Xunta-, Francisco recibe a Feijóo no Vaticano en xuño do ano pasado.
O BNG presenta a súa proposición de lei de residencias da terceira idade a representantes do sector e das persoas usuarias. O texto, xa rexistrado no Parlamento, promove aspectos como que os centros teñan un máximo de cen prazas e un mínimo do 90% de cuartos individuais. Contempla tamén o reforzo da inspección de servizos sociais mediante un corpo específico para as residencias ou recuperar a xestión directa nas residencias da Xunta con concesións privadas
Siniestro Total anuncian o seu derradeiro concerto, que se celebrará en Madrid o 6 de maio e que repasará os 40 anos de traxectoria da banda viguesa, coa participación de membros que pasaron pola formación en distintas etapas. As entradas sairán á venda o 23 de febreiro.
- 🔊PODCAST | Retrocorenta: as movidas de Vigo
O mural de Diego As (Diego Anido) na Ronda da Muralla de Lugo baseado na figura de Xulio César, elixido mellor mural urbano do mundo do 2021 na votación da plataforma Street Art Cities. O deseño, que é parte do proxecto Urban Cores do Concello lucense, xa fora elixido mellor graffiti do mundo no mes de agosto do pasado ao na votación organizada pola mesma rede de artistas. O premio "eleva a icona do Arde Lucus e da cidade a símbolo mundial", sinala a alcaldesa lucense, Lara Méndez. [Imaxe: CC-BY-SA Praza.gal]
O PP gaña en Castela e León as eleccións que adiantou tras romper o goberno con Ciudadanos pero pasa agora a depender de Vox. A principal mudanza nas Cortes autonómicas é o crecemento da extrema dereita, que tiña un escano e medra nunha ducia, en proporción ao que perde Ciudadanos.
Este domingo está activa unha alerta laranxa por temporal costeiro na Coruña, co resto da costa galega en situación amarela. Meteogalicia tamén prevé chuvias xeneralizadas en todo o país e neve no leste por riba dos 900 metros.
Ribadeo e Cangas acolleron este sábado mobilizacións en defensa das pensións.
- Máis información das reivindicacións: Suba das pensións mínimas e revalorización co IPC, demandas do movemento pensionista, que se manifesta en Ribadeo e Cangas