O Vaticano desbota agora que o papa Francisco viaxe a Santiago durante este 2022. É unha información adiantada por Religión Digital, que cita fontes da Secretaría de Estado e apunta á posición da Conferencia Episcopal Española ante os casos de abusos sexuais entre os motivos da decisión da Santa Sé. Desaparece así a posibilidade de que o pontífice acuda a un encontro de mocidade católica na capital galega o vindeiro verán, co gallo do Xacobeo. Tanto o Arcebispado de Santiago como a Xunta expresaran a súa esperanza de que acudise. Na imaxe -divulgada pola Xunta-, Francisco recibe a Feijóo no Vaticano en xuño do ano pasado.
