Retencións de varios quilómetros na AP-9 entre o Salnés e Caldas polas obras no viaduto de Portas que reducen a calzada sentido norte a un só carril.

Retencións de varios quilómetros na AP-9 entre o Salnés e Caldas polas obras no viaduto de Portas que reducen a calzada sentido norte a un só carril.
Netanyahu di que os Cascos Azuis actúan como "escudos humanos" de Hezbolá e esixe á ONU que os retire de Líbano. Israel atacou nas últimas xornadas en varias ocasións a tropas das forzas de pacificación da ONU. [Imaxe: ONU]
Pedro Madruga non foi Cristóbal Colón, segundo un polémico documental baseado nunha investigación con ADN das respectivas familias. A reportaxe, emitida este sábado en TVE, relata a investigación impulsada polo forense José Antonio Lorente, da Universidade de Granada, que foi descartando diversas hipóteses para concluír que Colón era xudeu do Mediterráneo occidental. A investigación, da que aínda non se fixeron publicacións científicas e criticada por outros expertos, non puido descartar outra das teorías galegas sobre a súa orixe, que Colón fose de Poio, polo mal estado dos restos analizados no cemiterio histórico dese concello. [Imaxe: TVE]
🏅Premios da Cultura Galega 2024. A Xunta distingue con estes galardóns "a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural da nosa comunidade, así como o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que enriquecen a realidade e identidade cultural de Galicia".
Terceiro día de folga e novo corte na emisión do programa 'O Termómetro' da TVG, o programa externalizado que deu orixe a enésima protesta do cadro de persoal dos medios públicos galegos. O comité de folga celebra que "as manobras de presión da empresa non amedrentaron abondo" as traballadoras e traballadores da CRTVG, "fartos" de reclamar, segundo destacan nun comunicado, "a fin das inxerencias que sustentan a manipulación informativa". O seguimento da folga –que coincidiu co 'venres negro' 334 do movemento Defende A Galega– foi similar ao do luns e o mércores, segundo o comité, con "máis da metade" das profesionais en activo no momento do paro (de 11.30 a 13h) que abandonaron o seu posto de traballo. [📸 CUT CRTVG]
O embaixador de Palestina, Husni Abdel Wahed, impartiu unha conferencia este xoves no Paraninfo da Universidade da Coruña, á que asistiron un gran número de representantes institucionais. Pola mañá, asinou no Libro de Ouro da Universidade e visitou o Concello e a Deputación da Coruña, onde foi recibido polo presidente, Valentín González Formoso, e o vicepresidente, Xosé Regueira. Foto: BNG A Coruña.
A visita, de Núria Figueras e Anna Font, editado por Kalandraka, incluída na prestixiosa lista The White Ravens 2024, elaborada pola Biblioteca Internacional da Xuventude, con sede en Múnic. Destaca pola "calidez" do texto e das ilustracións para o xurado, que o cualifica como "un libro encantador que che fai comprender o marabilloso e delicioso que pode ser gozar do silencio e, simplemente, escoitar o teu interior". A obra xa gañou o XVI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado que convoca o Departamento de Educación do Concello de Santiago e tamén recibiu o Premio Fundación Cuatrogatos 2024. Agora entra nesta listaxe xunto a 216 títulos en 44 idiomas e editados en 62 países.
Premio Nobel de Literatura 2024 para Han Kang. A escritora surcoreana recibe a distinción, en palabras do xurado, "pola súa intensa prosa poética que confronta traumas históricos e expón a fraxilidade da vida humana". A novela de Kang A vexetariana pode lerse en galego grazas á tradución de Alba Verea Pérez na editorial Rinoceronte.
Aprobada por unanimidade a lei ELA no Congreso. Os grupos celebraron aplaudindo en pé o acordo acadado con esta Lei para mellorar a calidade de vida de persoas con Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) e outras enfermidades ou procesos de alta complexidade e curso irreversible. O texto expón unha serie de cambios lexislativos "orientados a garantir a mellor calidade de vida, a través da axilización dos trámites administrativos para o recoñecemento da discapacidade e a dependencia, nunha mellor atención integrada entre os sistemas de coidados sociais e sanitarios, das persoas afectadas con procesos neurolóxicos severos" que cumpran unha serie de criterios. Parte dunha proposta do colectivo de persoas afectadas pola ELA.
A xornalista canguesa Lara Graña, redactora xefa do Faro de Vigo, premiada pola Asociación de Xornalistas de Investigación polos seus traballos sobre o caso Hiperxel. O galardón, na categoría de xornalismo local, destaca "o valor da fontes empregadas e a valentía da reporteira". [Imaxe: © Faro de Vigo]