Primal Scream e Parov Stelar, cabezas de cartel do Festival Noroeste da Coruña, do que cae Zara Larsson. Lory Meyers, La M.O.D.A., Arde Bogotá, La Mala Rodríguez, Rayden ou The Rapants completan o cartel.
![](https://praza.gal/media/cache/live_image/uploads/f2mcef4xcaaldax-7c90929.jpeg)
Primal Scream e Parov Stelar, cabezas de cartel do Festival Noroeste da Coruña, do que cae Zara Larsson. Lory Meyers, La M.O.D.A., Arde Bogotá, La Mala Rodríguez, Rayden ou The Rapants completan o cartel.
Falece o xornalista e escritor Ramón Lobo (Lagunillas, Venezuela, 1955) aos 68 anos do cancro que padecía. Lobo foi un dos principais correspondentes de guerra das últimas décadas. O xornalista Guillermo Altares, amigo de Lobo, lémbrao neste obituario en El País e tamén o fai Jesús Maraña en infoLibre. Na imaxe, Ramón Lobo na fotografía coa que asinou as súas colaboracións con infoLibre.
Máis de 8.000 mozos e mozas de Galicia solicitaron o Bono Cultural Xove impulsado polo Goberno de España. Consiste en 400 euros para gastar en libros, prensa, discos ou cine para a rapazada nacida en 2004 ou 2005.
Volven boicotear en Lugo os sinais contra a violencia machista recentemente instalados polo Concello. "Unha vez máis, temos que lamentar un acto vandálico na cidade vinculado co negacionismo da violencia de xénero, ideario no que están instalados os partidos da dereita", lamenta a alcaldesa, a socialista Lara Méndez, quen agrega que "mentres se branquean este tipo de violencias polo mero feito da nosa condición de mulleres, só neste mes de xullo asasinaron 8 mulleres" en diversos puntos do Estado. "Todo o que non sexa loitar contra a violencia machista é ser cómplice da mesma!", conclúe. Os primeiros boicots a estes sinais producíronse cando levaban apenas unha semana instalados. [Imaxe: Concello de Lugo]
PARO REXISTRADO | As inscricións nas oficinas de emprego diminuíron en 1.579 durante o mes de xullo en Galicia e quedaron en 127.445, o que supón 12.405 menos que un ano antes e, en total, a cifra máis baixa da serie histórica. A caída mensual é do -1,22% e na media estatal, do -0,41%. No mesmo mes, a afiliación media á Seguridade Social aumentou en 10.898 persoas (+1,02% e na media estatal, +0,11%) e chega aos 1,08 millóns, 19.935 máis que hai un ano (+1,88% e na media, +2,71%).
Milleiros de persoas asisten na Coruña ao pregón co que Lionel Scaloni, emblema do deportivismo e actual seleccionador de fútbol da Arxentina, abriu as festas de María Pita. "Vir á Coruña e xogar no Deportivo foi a mellor decisión da miña vida. Aquí recibíronme e tratáronme incrible", afirmou nunha intervención na que se amosou convencido de que "os nosos camiños se volverán atopar". A alcaldesa coruñesa, Inés Rey, presentou o adestrador e ex-futbolista como "un coruñés da Arxentina que nos recorda que aquí, en branco e azul, somos campións do mundo". Nesta ligazón, o vídeo íntegro do pregón de Scaloni [Imaxe: Concello da Coruña]
Donald Trump, imputado por tentar revogar o resultado das eleccións presidenciais dos EUA de 2020 mediante a "fraude e o engano". O cuestionamento do resultado electoral polo daquela presidente e candidato republicano á reelección derivara no asalto ao Capitolio do 6 de xaneiro de 2021. [Imaxe: CC-BY-SA Gage Skidmore]
Ana Peleteiro, Adrián Ben e Belén Toimil triunfan nos campionatos de España de Atletismo. A saltadora ribeirá logrou o ouro no triplo salto feminino, o corredor mariñao conseguiuno nos 800 metros masculinos e a lanzadora de peso mugardesa erixiuse campioa por cuarta vez consecutiva. [Imaxes: © Federación Española de Atletismo]
O PSOE pide á Xunta Electoral de Madrid que se revisen 30.000 votos nulos logo de perder un escano en favor do PP polo voto exterior. Os socialistas están a 1.323 votos de recuperar o representante.
A selección galega masculina obtén o subcampionato na Copa Shield do Mundial de fútbol gaélico celebrado en Derry. O equipo da categoría Intermediate caeu na final ante Ottawa e sumou a segunda medalla consecutiva da categoría tras o ouro no Europeo de 2022. Os combinados masculino e feminino sénior remataron no quinto posto na categoría absoluta, clasificación que tamén conseguiu o equipo Intermediate das rapazas.