O PSOE pide á Xunta Electoral de Madrid que se revisen 30.000 votos nulos logo de perder un escano en favor do PP polo voto exterior. Os socialistas están a 1.323 votos de recuperar o representante.
Fálase
A selección galega masculina obtén o subcampionato na Copa Shield do Mundial de fútbol gaélico celebrado en Derry. O equipo da categoría Intermediate caeu na final ante Ottawa e sumou a segunda medalla consecutiva da categoría tras o ouro no Europeo de 2022. Os combinados masculino e feminino sénior remataron no quinto posto na categoría absoluta, clasificación que tamén conseguiu o equipo Intermediate das rapazas.
Baltar e Rey Varela (PP) e mais Carme da Silva (BNG) xa son os novos representantes do Parlamento no Senado. Substitúen a Feijóo e Tellado (PP) e Leiceaga (PSdeG), que foran elixidos tras as xerais de 2019 atendendo á composición que tiña daquela a Cámara galega. O Estatuto fixa que o criterio de elección é a representación parlamentaria e a elección saíu adiante conforme a ela, se ben na bancada da esquerda é manifesto o malestar pola designación de quen foi presidente da Deputación de Ourense ata hai apenas unha semana. Na votación rexistráronse cando menos tres votos nulos, un deles atribuído ao socialista Pablo Arangüen, que manifestou a súa "repulsa" pola elección de Baltar, a quen considera expoñente "do peor caciquismo, a corrupción e o naufraxio do estado de dereito".
23X | Este venres desenvólvese o escrutinio xeral dos comicios do pasado domingo, que inclúe o reconto do voto exterior. O coñecido como sufraxio emigrante, o voto CERA, emitiuse sen o sistema de voto rogado nunhas xerais por primeira vez dende 2008, en virtude da recente reforma legal. Nas circunscricións galegas hai case medio millón de persoas inscritas neste censo e unha das incógnitas é coñecer ata que punto a fin d solicitude previa fixo aumentar ou non a participación, toda vez que en Galicia as posibilidades de variación dos resultados son escasas.
Vítimas de Angrois concéntranse ás portas da última sesión do xuízo polo accidente, que hoxe quedará visto para sentenza dez anos despois do descarrilamento do Alvia e tras dez meses de vista oral.
- AMPLIAMOS 👉 Maquinista e cargo de Adif piden a súa absolución na última sesión do xuízo de Angrois
- Sete anos de instrución, dous de preparación para o xuízo, un de vista oral... e aínda sen data para a sentenza de Angrois
- Para que serviu Angrois: as 8 melloras que tardaron anos en implantarse e a que aínda non, clave no xuízo
EPA | A poboación ocupada en Galicia ascende ata os 1,13 millóns de persoas, 26.500 máis que no primeiro trimestre e 25.000 máis que un ano antes, o que supón a cifra máis elevada dende finais de 2009, segundo os datos da enquisa de poboación activa que veñen de ser publicados. No mesmo trimestre, a poboación en situación de desemprego caeu en Galicia ata as 119.700 persoas, isto é, 15.400 menos que no trimestre previo e 19.700 menos que un ano antes. O total de poboación no paro é o máis baixo dende a fin do verán de 2008. Máis información, hoxe en Praza.gal.
Lionel Scaloni será o pregoeiro das festas da Coruña. O adestrador da selección arxentina campioa do mundo dará o pregón o vindeiro martes ás 21 horas na praza de María Pita, segundo vén de anunciar a alcaldesa da cidade, Inés Rey. Foto: RC Deportivo.
Carme da Silva será á senadora do BNG. O Bloque confirma que o nome da edil en Pontevedra e cabeza de cartel da formación pola circunscrición pontevedresa ao Congreso nas recentes eleccións xerais é a súa proposta para o pleno de designación da representación do Parlamento galego na Cámara Alta, no que corresponden dous postos ao PP (José Manuel Baltar e José Manuel Rey Varela) e un ao Bloque, xa que son repartidos en función dos resultados das últimas eleccións galegas. "Asúmoo co máximo compromiso e coa intención de dar o mellor de min para facer valer os intereses dos galegos e das galegas en Madrid, neste caso desde o Senado", sinala Da Silva. Ata agora, estes tres postos estaban cubertos por Alberto Núñez Feijóo e Miguel Tellado (PP) e Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG), xa que foron asignados tras as xerais de novembro de 2019.
As seleccións galegas de fútbol gaélico vencen a Quebec e a Arxentina no Mundial que se celebra en Derry. O combinado galego disputa os Xogos Mundiais na busca de repetir os éxitos de anteriores participacións.
O rei emérito Juan Carlos I ten previsto viaxar este mércores a Galicia, para participar nunha regata en Sanxenxo esta fin de semana. Porén, non se coñece aínda a súa axenda concreta nin o tempo que permanecerá na zona. É a terceira vez que o ex-monarca ingresa no país despois de fixar a súa residencia nos Emiratos Árabes Unidos.