Baltar e Rey Varela (PP) e mais Carme da Silva (BNG) xa son os novos representantes do Parlamento no Senado. Substitúen a Feijóo e Tellado (PP) e Leiceaga (PSdeG), que foran elixidos tras as xerais de 2019 atendendo á composición que tiña daquela a Cámara galega. O Estatuto fixa que o criterio de elección é a representación parlamentaria e a elección saíu adiante conforme a ela, se ben na bancada da esquerda é manifesto o malestar pola designación de quen foi presidente da Deputación de Ourense ata hai apenas unha semana. Na votación rexistráronse cando menos tres votos nulos, un deles atribuído ao socialista Pablo Arangüen, que manifestou a súa "repulsa" pola elección de Baltar, a quen considera expoñente "do peor caciquismo, a corrupción e o naufraxio do estado de dereito".
