25 pezas para a Galicia que vén

CC-BY-SA Praza Pública

O Día Nacional de Galicia é un bo momento para deterse un chisco e ollar cara ao país. Son tempos cambiantes, case efervescentes no político e no social -e, no económico, xa non digamos-. Neste escenario, pensamos que sería unha boa idea frear un minuto e repasar a nosa hemeroteca máis recente para acharmos pezas coas que construír a Galicia do futuro máis próximo, a Galicia que vén. Xuntamos 25 pezas para este 25 de xullo e con elas montamos un crebacabezas que, seguro, podería ter moitas máis. Coidamos que poden ser uns bos alicerces para celebrar hoxe e coller folgos para, mañá, seguir construíndo.

1. O persoal dos servizos públicos

Os mesmos que se viron minguados en 3.000 efectivos nos últimos anos mentres vían como as súas remuneracións decrecían. Os mesmos que, moi maioritariamente, sosteñen cada día os servizos esenciais, tamén e sobre todo durante a dura crise económica.

2. A escola pública

Que debe ser escola de cidadanía e de igualdade. E para iso cómpre comezar por que sexa realmente pública, gratuíta á hora de ser empregada e consciente do país no que ensina.

3. A universidade

Pública e financiada axeitadaente para ser fonte de coñecemento, de pensamento crítico e desenvolvemento sustentable para Galicia.

4. Os concellos

Os que foron froito da efervescencia do 24M e os que xa viñan desenvolvendo políticas en beneficio da maioría social. Os municipios galegos como primeiro sostén de res pública para o conxunto do país.

5. O agro

Como medio de vida, orixe de alimentos de calidade e base para unha vida respectuosa co medio.

6. A lingua

Para podermos describir o mundo en galego sen ter que dicir e reivindicar un día si e outro tamén que o facemos en galego.

7. A natureza

Porque non hai Galicia sen solo, sen árbores, sen rías saneadas ou sen cidades que ollen cara á súa contorna. Porque é, ao cabo, a casa común.

8. O movemento feminista

Impulso continuo para unha sociedade máis xusta e xénese de innumerables avances sociais. Escola de cidadanía e garante de dereitos na Galicia que vén.

9. A diversidade

Un país no que cadaquén sexa en liberdade como se sinta e ame como desexe

10. As industrias culturais

Como mellor reflexo dunha actividade económica que reverte directamente no país, como mostra de que para ser orixinal cómpre ter en conta as orixes e, dende elas, abranguer o mundo enteiro.

11. A memoria

A Galicia que vén non vén da nada, senón de algures. E para saber de onde vimos cómpre non perder a lembranza dos homes e mulleres que loitaron pola liberdade, xa fose no monte contra os golpistas, na escola contra a ignorancia ditatorial ou en Irak, polo dereito á información en plena invasión.

12. A ciencia

Para esquecermos aquilo de "que inventen eles" e exportarmos valor engadido e non cerebros. A ciencia feita, reflexionada en Galicia e tamén en galego, a ciencia que defende a evidencia científica mentres é crítica con quen tenta valerse dela para fins espúreos

13. Os ollos abertos ao mundo

Porque dende este recuncho do mundo pódese ver o mundo enteiro. Porque o que pasa aféctanos e debera interesarnos. Porque a pluralidade enriquécenos sen deixarmos de ser nós.

14. A economía do ben común

Non haberá desenvolvemento económico xusto na Galicia que vén se este deixa polo camiño unha parte da sociedade, xa sexa porque non ten traballo ou porque o traballo que ten non lle garante traspasar o limiar da vida digna. Unha economía que non aposte polo desenvolvemento salvaxe nin sacrifique a natureza por unhas poucas ganancias a curto prazo.  

15. O traballo digno

Vinculado á económia do ben común está o traballo en condicións dignas. Porque no país que vén sería desexable que cada vez menos xente durmise pola noite pensando se ao día seguinte poderá ir traballar en condicións de dignidade.

16. O país que produce

Unha aposta por que as persoas que dirixen o país abran a caixa de ferramentas de Galicia e dean co xeito en que poden tirar mellor rendemento de cada unha delas no canto de abandonalas á súa sorte.

17. A liberdade

Un país no que a expresión, a información, a manifestación ou a crítica pública sexan libres. No que o medo non pase, aos poucos a formar parte do corpo legal.

18. A creatividade

Unha aposta por que na Galicia que vén non haxa fronteiras mentais e no que a creatividade estoure sempre que cumpra. Para que no futuro de Galicia se poida cantar, bailar, deseñar, escribir...

19. A mocidade e os maiores

O país envellece e faino moito máis do que debera. No entanto, isto non implica que haxa que desentenderse dos maiores e, moito menos, das nenas, dos nenos e da mocidade. Se a comunidade se implica no coidado e este deixa de ser algo íntimo, se cadra o país deixa de ir tan vello. 

20. A vertebración territorial

Unha Galicia que vén na que non sexa máis doado e mesmo máis barato emigrar a Londres que viaxar polo eixo atlántico. Un país no que as infraestruturas se planifiquen pensando na súa utilidade e racionalidade e non na pirotecnia das inauguracións. 

21. A transparencia nas institucións

Porque se son de todas e todos, todas e todos debemos poder saber o que teñen, como traballan, cara a onde van e, sobre todo, como afectan as súas decisións á vida da xente. Unha Galicia que vén na que os datos que deberan ser públicos deixen de ser misterios máis ou menos insondables.  

22. As pequenas loitas que fan un país grande

Un país no que a xente non só mire para o seu embigo ou, no seu defecto, para o seu Twitter. Unha Galicia que vén no que a vida colectiva sexa quen de conseguir cousiñas pequenas que, xuntas, fan o país grande.

23. O respecto polo patrimonio

Porque é noso, pero tamén de quen virán. Porque fala do que somos e a súa destrución nos retrata como pobo. Porque patrimonio non ten por que significar negocio.  

24. O xogo limpo

Para que ninguén saia xogar aos asuntos públicos coas cartas marcadas ou, directamente, a facer trampas.

25. Os medios de comunicación de noso.

Un país no que todas e todos poidamos tecer rede, falarnos no noso idioma e contarnos o que pasa, o que importa, o que vai mal, o que mellora e o que cómpre celebrar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.