O PSdeG-PSOE vén de presentar unha denuncia antes o Consello de Contas de Galicia polo “reparto a dedo” de sete millóns de euros por parte da Deputación de Ourense entre catro empresas, despois de ter “fragmentado de forma presuntamente irregular" as concesións en 160 contratos menores de obra ao longo dos dous últimos anos.
"Estamos a falar de centos de adxudicacións menores que suman decenas de millóns de euros ao longo do último lustro", denuncia Rafael Villarino
Os socialistas ourensáns, liderados polo seu voceiro Rafael Villarino, engadiron este martes nova documentación á súa denuncia e sinalan que non descartan "outras accións legais", posto que "ao longo do último lustro estamos a falar de centos de adxudicacións menores que suman decenas de millóns de euros”.
A fragmentación de contratos foi denunciada a finais de xaneiro pola entidade de fiscalización Civio, que alertaba da gran cantidade de contratos de servizos con importes de 14.900 e 14.999 euros, o máximo legal para realizar unha concesión sen concurso público. A investigación de Civio subliñaba que a Deputación de Ourense era a administración que acumulaba máis contratos de obra fragmentados xusto por debaixo do límite legal de 40.000 euros, boa parte deles concentrados nunhas poucas empresas (nomeadamente Manuel Viso e Hijos) e ademais un gran número adxudicados no mesmo día.
Villarino afirma que existe una “violación evidente” da legalidade en “polo menos 15 obras menores superiores a 40.000 euros e ata 10 contratos de servizos superiores a 15.000 euros"
O Consello de Contas ten agora un prazo de tres meses para pronunciarse sobre a cuestión. O PSdeG explican que trala entrada en vigor da nova Lei 9/2017 sobre contratos públicos, "o goberno de Baltar repetiu estas adxudicacións menores, en moitos casos con importes exactamente iguais, no borde do límite máximo, independentemente do obxecto e sempre entre as mesmas empresas". Os socialistas engaden que "noutros casos directamente incumpriu o límite legal por razón de cantidade" e subliñan que "este sistema de fraccionamento supostamente irregular non é novo e coa anterior normativa de contratación o proceder era moi similar".
Villarino afirma que existe una “violación evidente” da legalidade en “polo menos 15 obras menores superiores a 40.000 euros, o límite que establece a legalidade, e ata 10 contratos de servizos superiores a 15.000 euros, o outro tope fixado”. Ademais, subliña que “case todas as obras que adxudican a dedo teñen sospeitosamente o mesmo importe, cando se trata de obras de natureza completamente distinta” o que, remata, “tamén evidencia outras presuntas ilegalidades que, en primeira instancia, debe clarexar o ente fiscalizador galego”.
O PSdeG-PSOE vén de impulsar a constitución dunha comisión de investigación na Deputación de Ourense para afondar nas cuestións denunciadas
Os socialistas denuncian que dende o 1 de xaneiro de 2018 a Deputaciónde Ourense adxudicou á empresa ‘Manuel Viso e Hijos’ 1,9 millóns en 58 contratos menores. A continuación situaríanse ‘Camiños de Ourense’ con 1,5 millóns en 40 contratos; ‘Coviastec’ con 1,4 millóns e 38 contratos; e Explotacións Medioambientais con 0,8 millóns en 24 contratos, segundo o PSdeG.
Ademais, o PSdeG-PSOE vén de impulsar a constitución dunha comisión de investigación na Deputación de Ourense para afondar nas cuestións denunciadas. A moción debaterase no pleno ordinario de febreiro. Ao tratarse dunha comisión especial de investigación, os empregados e membros da Deputación Provincial e das súas entidades dependentes, así como os representantes das empresas concesionarias, están obrigados a comparecer co obxecto de prestar declaración sobre o asunto.
Volve a elección "a dedo" dos membros tribunais
Este mércores PP e Democracia Ourensana levarán unha proposta á Comisión de Transparencia da Deputación na que apostan por volver á designación directa dos membros dos tribunais
No ano 2013, pouco despois do xuízo a José Manuel Baltar pola contratación irregular de 104 persoas, a Deputación ourensá aprobou unha nova ordenanza de contratación pola que os integrantes dos tribunais de oposición do ente provincial pasaban a ser elixidos por sorteo (e en parte eran funcionarios doutras administracións, limitando así a posibilidade de influír politicamente nos procesos.
Porén, este mércores PP e Democracia Ourensana levarán unha proposta á Comisión de Transparencia da Deputación na que apostan por volver á designación directa dos membros dos tribunais, alegando que o sistema de sorteo amosou "serias dificultades", das que responsabilizan á falta de colaboración doutras administracións. A Deputación de Ourense sinala que se dirixiu a todas as administracións con actividade en Galicia solicitando unha listaxe de funcionarios que poderían participar nos tribunais, pero que só obtivo resposta da Subdelegación do Goberno central e da USC. Así mesmo, a Deputación asegura que o sistema de sorteo produciu "atrasos" nos procesos, pola renuncia de varios dos funcionarios designados aleatoriamente.
Os coches de Jácome, "abandonados" segundo o PSdeG
As denuncias dos socialistas, que habitualmente tiñan como destinatario ao PP de Baltar, teñen nos últimos meses un segundo destinatario: a Democracia Ourensana de Pérez Jácome. O rexedor ourensán, que se fixo coa alcaldía cos votos do PP a cambio de manter a Baltar na Presidencia da Deputación, amosouse no último ano como un fiel aliado dos populares, axudando a soster o actual reparto de fondos do ente provincial e, nos últimos días, mesmo apoiando a Alberto Núñez Feijóo nas eleccións ao Parlamento galego do vindeiro 5 de abril.
Os socialistas denuncian que os dous coches oficiais están "agochados e abandonados nun vello almacén". Jácome responde que o proceso de venda "está en marcha"
Trala súa chegada ao Goberno municipal, Gonzalo Pérez Jácome anunciou a súa intención de poñer á venda os dous coches oficiais cos que contaba o Concello: un Audi A6 de 15 anos de antigüidade e un Opel Vectra. Hai uns días os socialistas denunciaron que os dous vehículos están "agochados e abandonados nun vello almacén", acompañando a denuncia dunhas fotos nas que se ve os coches cubertos de po. O PSdeG criticaba que, a pesar das promesas realizadas por Jácome, tanto o alcalde como concelleiros e asesores "viaxan en vehículos de alta gama de alugueiro con condutor ou en taxi, malgastando avultadas cantidades de fondos públicos municipais, posto que os choferes municipais seguen a traballar na institución pública ourensá noutras tarefas".
O rexedor ourensán respondeu a estas críticas negando o "abandono" dos coches e afirmando que o proceso de venda "está en marcha", á espera "de que se realice o proceso administrativo para proceder á súa poxa"