Feijóo aplaude a cuarta elección de Baltar onde tentou destronalo e pídelle máis alcaldías

Feijóo, con José Manuel Baltar tras a súa terceira reelección como presidente do PP de Ourense, este 26 de setembro CC-BY-SA PPdeG

O PP de Ourense clausurou este 26 de setembro o seu congreso provincial elixindo por cuarta vez a José Manuel Baltar como presidente. Un total de 657 votos a prol nun plenario de 662 persoas -os 5 restantes foron en branco- reelixiron o herdeiro de José Luis Baltar para manter o posto que xa obtivera en 2016, en 2013 e tamén en 2010, cando a operación artellada pola dirección galega do partido para frustrar a sucesión de Baltar pai por Baltar fillo á fronte da presidencia provincial acabara en derrota.

José Manuel Baltar foi reelixido presidente provincial do PP ourensán no mesmo lugar onde, en 2010, o intento da dirección de Feijóo por destronar á saga acabou en derrota

Máis dunha década despois daquel congreso -no que, segundo ditou anos despois a Xustiza, foron cruciais os votos de persoas colocadas por José Luis Baltar na Deputación, enchufes polos que foi inhabilitado cando xa se retirara da política activa-, Alberto Núñez Feijóo volveu outra volta ao mesmo escenario, o Pazo Paco Paz, para aplaudir outra aclamación máis do baltarismo. Como nas anteriores dúas convocatorias, non houbo candidatura alternativa ningunha e, lonxe da frustrada operación destituínte daquel 2010, o presidente da Xunta e do PP en Galicia mesturou no seu discurso diversas críticas ao Goberno de España coa petición de máis alcaldías a Baltar.

Feijóo intervén na clausura do congreso provincial do PP de Ourense, este 26 de setembro de 2021 CC-BY-SA PPdeG

No último dos seus catro congresos provinciais -nos que cargou contra BNG e PSdeG polo xeito en que desenvolven os seus respectivos procesos internos-, Feijóo erixiu o PP no "único" partido que "defende o que merece Galicia" e, xusto a continuación, deu por pechado un proceso congresual "exemplar". Tras os conclaves, alentou, o non pode "permitirse" ningunha "tensión interna" que non sexa ter "ganas de gañar" eleccións, a comezar polas municipais de 2023.

Apenas tres meses despois de reconstituír o bipartito con Jácome, Feijóo proclama que o PP "ten que volver gobernar a cidade de Ourense" e Baltar promete que en 2023 vai "gañar en todos os concellos"

Neste sentido, e despois de perder por primeira vez en 2019 a maioría absoluta na Deputación -pero retendo a presidencia mediante a entrega da alcaldía de Ourense a Gonzalo Pérez Jácome (DO)-, Feijóo insta os de Baltar a "volver ilusionar", a "esixirse máis" e obter unha "folgada maioría absoluta na Deputación". Para logralo, pídelle obter alcaldías perdidas como as de Verín -"onde gobernamos sempre", esgrimiu, malia que perderon o bastón de mando en 2015-, Celanova, Xinzo ou Ribadavia. 

Do mesmo xeito, afirma Feijóo que "este partido ten que volver gobernar a cidade de Ourense" porque a "gañe nas urnas". A reclamación prodúcese apenas tres meses despois do retorno do PP ao goberno local da capital ourensá presidido por Pérez Jácome e cando transcorreron apenas vinte días dende que o propio Baltar reconstituíu o bipartito con DO na Deputación. Tamén pasaron escasas semanas dende que o ex-conselleiro Jesús Vázquez, alcalde de Ourense de 2015 a 2019, dese en abandonar de vez a política tras ser o dirixente publicamente máis crítico cos pactos con Jácome.

Baltar, pola súa banda, rexeitou presentar o deste 2021 como unha "reelección". O congreso que o designou presidente do PP de Ourense por cuarta vez supón, segundo o barón provincial, un "volver empezar" nun "partido novo" que nas municipais de 2023 vai "gañar en todos os concellos", asegurou ante Feijóo e ante unha delegación de dirixentes estatais do PP encabezada polo 'número dous' de Pablo Casado, o secretario xeral, Teodoro García Egea. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.