O pacto para controlar á Xunta no Parlamento na crise do coronavirus durou dúas semanas

O primeiro punto do acordo referíase ao mantemento do estado de alarma cando este aínda era un obstáculo para volver convocar as eleccións CC-BY-SA Foto: David Cabezón / Xunta | Montaxe: Praza Pública

Dende o pasado 19 de marzo, Galicia estivo nunha situación institucional inédita. Aquel día quedou sen efecto o decreto de convocatoria de eleccións para o 5 de abril na parte na que chamaba ás urnas, pero non na que disolvía o Parlamento. Así, o país pasou a ter un Goberno con plenos poderes para afrontar a crise do coronavirus por tempo indeterminado mentres o lexislativo quedaba limitado ao mínimo, tendo operativa unicamente a Deputación Permanente, o órgano que substitúe ao pleno en períodos inhábiles no que a marxe de control ao Executivo é moi escasa e está condicionada, en todo caso, pola vontade da maioría que sustenta á propia Xunta. Neste caso, pola do PP.

Case un mes despois do adiamento electoral, o servizo xurídico do Parlamento respondía á consulta dos grupos avalando a posibilidade de que, mediante acordo, fosen ampliadas as competencias da Deputación permanente para retomar un control parcial ao Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo. Contemplando, por exemplo, que a oposición puidese formular preguntas. A concreción do pacto chegou nos primeiros días de maio: PP, PSdeG, Común da Esquerda, BNG e Grupo Mixto (En Marea) asinaron un documento para retomar un control parcial que durou apenas dúas semanas. O que tardou Feijóo en convocar as eleccións do vindeiro 12 de xullo.

O acordo para recuperar o control parcial á Xunta no Parlamento foi rubricado cando o estado de alarma polo coronavirus aínda era un obstáculo para volver convocar as eleccións galegas

Aquel acordo, que contemplaba unha reunión semanal da Deputación Permanente e comparecencias de Feijóo cada quince días, foi asinado cando a nova convocatoria de eleccións aínda dependía do levantamento do estado de alarma -dependente do Goberno central e do Congreso- e mais da emerxencia sanitaria -dependente da Xunta-. Así, indica o seu primeiro parágrafo, estas competencias "excepcionais" de control á Xunta a través da Deputación Permanente estarían vixentes "mentres permanezan as situacións de Estado de Alarma e de Emerxencia Sanitaria". 

Esta redacción foi consensuada cando ambas figuras excepcionais eran sinónimo de atranco para a convocatoria electoral. Pero todo cambiou cando o PNV decidiu asegurar e, malia non ser imprescindible Euskadi (como si o era en Galicia), pactou co Goberno central no Congreso introducir na cuarta prórroga do estado de alarma unha cláusula que evidenciase que esta restrición por mor do coronavirus non impedía convocar eleccións. Como o resto do estado de alarma, a mudanza afectou a todo o Estado e Feijóo pasou a ter vía libre para sumarse ao 12X, como así fixo esta semana. [O pacto do Goberno central co PNV para o estado de alarma abre a porta ás eleccións galegas no verán]

O PP deixou claro nos últimos días que dá por rematado o acordo para que a oposición siga controlando a Feijóo no Parlamento; a clave para facelo está nun parágrafo que semellaba inocuo cando o pacto foi asinado

Na liña do que suxerira o propio Feijóo a preguntas da prensa, o PP galego deixou claro nos últimos días que dá por rematado o acordo para que a oposición siga controlando no Parlamento a súa xestión da crise sanitaria. "Feijóo non incumpre nada. O acordo asinouse para o período extraordinario de Parlamento disolto sen convocatoria electoral. Coa nova convocatoria entramos nun período normal de fin de lexislatura, nos que nunca hai actividade parlamentaria regular", defenderon os conservadores ante as primeiras protestas da actual oposición.

PSdeG, Galicia en Común e BNG apuntaban ao devandito primeiro parágrafo para considerar que Feijóo debería seguir someténdose ao control parlamentario, pero o PP apunta ao segundo. O que di que "a Deputación Permanente manterá unha reunión semanal durante o tempo previsto para o período de sesións ordinario do Parlamento", o cal finaliza en todo caso cando son convocadas unhas eleccións. Esa mención, aparentemente inocua cando os grupos da esquerda accederon a asinala o 4 de maio, é agora apoio dabondo para que os conservadores dean por finalizada a vixencia do acordo.

Feijóo, Caballero, Pontón e Gómez-Reino, en actos do PP, PSdeG, BNG e Galicia en Común CC-BY-SA PP | PSdeG | BNG | GeC

Nas filas da actual oposición asumen que non haberá máis control e din dar por sentado que o que si continuará será o uso da CRTVG por parte do PP en beneficio do candidato Feijóo, quen afirma que a manipulación está en TVE

Deste xeito, a tradución práctica para reactivar o Parlamento foron dúas sesións: unha que incluíu unha comparecencia de Feijóo (o 7 de maio) e outra, o pasado día 13, coa comparecencia do conselleiro de Cultura e varias preguntas da oposición e do propio PP. De agora en diante e ata a constitución do novo Parlamento -prevista para o 7 de agosto-, os grupos da oposición poderán pedir que se convoque a Deputación Permanente para que compareza Feijóo ou outro membro do Goberno, pero os populares poderán facer uso da súa maioría absoluta para rexeitalo sempre que o consideren oportuno. 

Nas filas da actual oposición asumen que non haberá máis control parlamentario e din dar por sentado que o que si continuará será o uso da CRTVG por parte do PP en beneficio do candidato Feijóo e en detrimento do Goberno de España e das forzas da esquerda galega. Mentres, o actual presidente e aspirante á reelección nega tal posibilidade. A manipulación política na televisión pública non está en Galicia, senón en Televisión Española, mantén, mentres o PP di ver conveniente que os partidos non fagan uso da primeira semana da campaña electoral que comezará o 26 de xuño.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.