Os dous primeiros líderes de Podemos en Galicia, Breogán Riobóo e Carmen Santos. Tras ocuparen a secretaría xeral desta formación -e, no caso de Santos, despois de ser deputada por En Marea-, tanto Riobóo como Santos manifestaran xa nos últimos meses a súa preferencia polo Bloque e agora fano publicamente xunto á portavoz nacional da formación soberanista, Ana Pontón, ás portas das eleccións xerais.
Breogán Riobóo e Carmen Santos piden o voto para o Bloque xunto a representantes do mundo da cultura
Nun acto no que tamén manifestaron o seu apoio ás candidaturas do Bloque persoas do mundo da cultura como a profesora Helena Miguélez Carballeira, a música Su Garrido Pombo ou o profesor Henrique del Bosque, Pontón esgrimiu estas adhesións de persoas que non militan na formación soberanista como mostra de que "temos o grupo galego forte ao alcance da man". Lograrano, din, se "ningún voto rebelde, ningún voto de país e inconformista queda na casa" o domingo e "enchen as urnas coa papeleta do BNG".
"Conseguir deputados e deputadas nas catro provincias é posible, claro que si", mantén Pontón, que ve "urxente" lograr unha "voz forte" no Congreso que, ao tempo, "faga valer a defensa dos nosos intereses" e poida "parar os pés a un Feijóo cada vez máis ultra aliado coa extrema dereita". O BNG, defende, ten "as mans libres" para facer ambas cousas fronte "ás forzas estatais que agora veñen darnos leccións de utilidade do voto". "Eu -retruca- dígolles que un só deputado do BNG foi máis útil na defensa de Galiza que os 22 restantes".
"Non é momento de votar con medo nin polo mal menor"
"O voto ao BNG é un voto orgullosamente galego, libre e sen complexos"
Pontón acudiu a este acto en Vigo horas despois de que, no serán do martes, asistise ao mitin central da campaña en Pontevedra. Alí convidou a non votar "con medo nin polo mal menor", senón "coa cabeza e o corazón en Galiza" e "sabendo que o BNG non vai fallar". "O voto ao BNG é un voto orgullosamente galego, libre e sen complexos; na defensa do noso e sen privilexios, pero con xustiza e igualdade".
Neste sentido, a portavoz nacional do Bloque di estar "convencida" de que "o orgullo que senten os galegos cando escoitan as Tanxugueiras ou cando ven a ponte de Rande chea de xente cantando o himno dun equipo centenario", en referencia á composición e ao videoclip producidos por C.Tangana para o Celta, "servirá tamén para que o 23X o BNG acade maior representación" e, no caso da circunscrición de Pontevedra, "sente como deputada a Carme da Silva".