Pontón erixe o BNG en "goberno alternativo" fronte á "frivolidade" do PP un ano despois das eleccións

O grupo parlamentario do BNG, este 18 de febreiro na escalinata principal do Pazo do Hórreo CC-BY-NC-SA BNG

Tras lograren o mellor resultado da súa historia, o Bloque analizou que algo mudara aínda que non o fixese o Goberno e que cabía continuar á procura de fendas na "hexemonía" do PP para volver tentalo. Esa análise mantéñena e acrecéntana no primeiro aniversario dos comicios

Hai agora un ano, o BNG rompeu o que segundo moitas análises era o seu teito electoral. Os 25 escanos logrados nas eleccións galegas do 18 de febreiro de 2024 non só supuñan superar o máximo de 19 acadado catro anos antes. 

Ese resultado tamén implicou igualaren a representación do último grupo da esquerda que logrou a presidencia da Xunta, o PSdeG de Touriño, e facelo con máis do 31% dos votos, 7,56 puntos máis que en 2020. Pero tamén 6,23 puntos por riba do seu máximo histórico (o logrado con Xosé Manuel Beiras á fronte en 1997) e cun crecemento superior aos 23 puntos en relación a 2016, a primeira cita electoral na que a formación soberanista tivo como candidata a unha Ana Pontón que, con maior claridade ca nunca, se marcou en 2024 o reto de lograr ser a primeira presidenta da Xunta.

Como é obvio, o cambio de Goberno non chegou hai un ano. O 18F de 2024 acabou sendo o día do novo récord electoral do PP, cunha quinta maioría absoluta consecutiva que non lograra nin Manuel Fraga tras unha campaña errática que os de Alfonso Rueda lograron encarreirar de vez fiándoa, precisamente, á polarización co BNG para mobilizar o seu electorado, o que tamén alargou o devalo do PSdeG ata o peor resultado da súa historia.

Pero, tras o paso polas urnas, a dirección do Bloque amosouse convencida de que algo mudara aínda que non mudase o goberno e que cabía continuar á procura de fendas na "hexemonía" do PP para emprender outro intento catro anos despois. Esa análise mantéñena e acrecéntana no primeiro aniversario dos comicios.

Canda os demais integrantes do grupo parlamentario máis numeroso da historia do BNG, Pontón fixo este 18 de febreiro balance erixindo a organización que encabeza en "goberno alternativo". En "alternativa real" fronte ao que considera un "desgoberno" do PP que "o único que fai é ofrecer propaganda e frivolidade". "Creo que Galiza merece máis", defende Pontón, que un Executivo ao que ve centrado en "traballar para as empresas amigas" cun carácter "extremista, antidemocrático e antigalego".

Vídeo lanzado polo BNG para conmemorar o primeiro aniversario das eleccións do 18F

O gabinete dos conservadores, mantén a nacionalista, "dedícase a enlamar o debate, propagar trolas e fake news, á descualificación persoal do adversario político"  ou a "teimar en converter o galego nunha lingua residual" mentres "mantén o pelotazo fiscal ás persoas con máis patrimonio" ou "pon a alfombra vermella a Altri". E fano "instalados na rutina e na propaganda".

Pontón contrapón un Goberno do PP que se "dedica a enlamar o debate, propagar trolas e descualificar o adversario" coas súas iniciativas en materia de sanidade, servizos sociais ou vivenda

Mentres, contrapón, o BNG nestes meses evidenciou "o firme compromiso coa sanidade pública" mediante un "plan de choque para reforzar a Atención Primaria". Ou "fronte a un Partido Popular que converte a vellez nun
negocio”, o Bloque "traballa xa nun Sergas dos servizos sociais" e reclama, "no inmediato, aumentar os fondos destinados ao servizo de axuda no fogar e duplicar os equipos de dependencia".

Vivenda, defensa do idioma, ou un plan para "estinar ás pemes galegas, ao saneamento das rías e a proxectos de desenvolvemento no rural os 250 millóns de euros que o Executivo de Rueda lle quere dar a Altri" foron, sintetiza, outras das prioridades neste primeiro ano de lexislatura dun BNG que aproveitou tamén o aniversario para lanzar, a través das redes sociais, unha campaña audiovisual na que mantén, co ton empregado na campaña de 2024, que aquel 18F puxo "o cambio galego en marcha".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.