Tras gastar un millón no xuízo de Angrois no Gaiás a Xunta deixa colapsar o xulgado que levou o caso

Unha traballadora limpa a sala baleira do xuízo de Angrois tras a súa última sesión o 27 de xullo de 2023 CC-BY-SA Praza Pública
Publicidade
Publicidade

O Goberno galego puxo obstáculos á instrución, gabouse despois da excesiva organización material do xuízo e agora rexeita pagar polo traballo dun perito e actuar ante as demoras que acumulou o xulgado noutros casos

Durante os once anos que pasaron entre o accidente de Angrois e a sentenza que o pasado xullo condenou ao mesmo nivel ao maquinista do Alvia e a un cargo de Adif, o Goberno galego e os seus presidentes, Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda, veñen repetindo unha mesma estratexia: amosar de xeito retórico o seu respecto pola xustiza, insinuar que a responsabilidade era do maquinista e gabar a propia actuación da Xunta como responsable de dotar ao sistema xudicial dos medios materiais necesarios para a investigación, mesmo gastando un millón de euros para celebrar o xuízo na Cidade da Cultura en espazos que acabaron resultando excesivos.

Pero a condena xudicial vén de establecer que o maquinista non foi o único responsable, e agora o colapso do xulgado encargado de sentenciar o accidente, denunciado por UGT e ratificado a este diario por diversas fontes xudiciais, volve poñer en cuestión o suposto apoio material da Xunta para resolver o caso.

A xuíza de Angrois, Elena Fernández Currás, con persoal do seu xulgado durante a vista oral do caso CC-BY-SA Praza Pública

Xa a investigación do accidente durante nove anos viuse en varias ocasións demorada polos erros e  falta de medios do xulgado de Instrución número 3 de Santiago. A ese xulgado a Xunta impúxolle dous dos tres peritos do caso, nomeando para esa función dous funcionarios autonómicos sen experiencia previa en materia ferroviaria co argumento de que sairían máis baratos. As súas peritaxes, que acabaron encarecendomoito máis que a do experto independente, foron finalmente obviadas na sentenza, fronte ás consideracións do terceiro si tidas en conta pola xuíza. Un perito independente que leva dous anos sen lograr cobrar 10.000 euros que lle debe a Xunta.

Publicidade
Publicidade

Fronte a eses regateos cos peritos, cando chegou o momento do xuízo a Xunta, tras demorar primeiro a súa decisión e paralizar así a organización, como lamentou a xuíza, decidiu celebralo na Cidade da Cultura cun dispositivo que custou un millón de euros. Porén, durante o preto dun ano que durou a vista oral dúas das tres grandes salas habilitadas para o xuízo e excluídas durante todo ese tempo de calquera outro uso estiveron practicamente baleiras. 

Porén, o día que foi necesaria tradución simultánea dun comparecente estranxeiro, a Xunta só habilitou unha tradutora que acabou facendo oito horas de complexa tradución técnica en solitario mentres a xuíza facía ver o seu desgusto coa situación.

César Mariñas, perito independente ao que a Xunta adebeda 10.000 euros desde hai dous anos, na súa comparecencia no xuízo CC-BY-SA Praza Pública

Pero rematado o xuízo hai ano e medio e emitida a sentenza hai medio ano, a falta de previsión da Xunta cos medios materiais da xustiza que requiriría o caso de Angrois segue tendo repercusións no resto da cidadanía. Ao igual que ocorreu antes co xulgado de Instrución 3, agora é o Penal 2 o que sofre o colapso.

Publicidade
Publicidade

Igual que durante os oito anos de investigación co xulgado de Instrución 3, agora é o Penal 2 que xulgou o accidente o que sofre a sobrecarga de traballo

Durante o ano que durou a vista oral e o outro ano que levou elaborar a complexa sentenza a xuíza titular, Elena Fernández Currás, estivo dedicada en exclusiva ao caso de Angrois e o resto de causas do seu xulgado foron atendidas por xuízas de apoio territorial ou xuíces substitutos, de recente incorporación á carreira xudicial, sen moita experiencia e con pouco tempo de permanencia no posto como para dar continuidade ao traballo e axilizar así a tramitación dos casos, un problema atribuíble ao Poder Xudicial. Pero tampouco houbo estabilidade nin recursos humanos suficientes entre o resto de persoal do xulgado, dependente este da Xunta. 

Segundo UGT "a día de hoxe, a sobrecarga de traballo do Xulgado do Penal 2 de Santiago é de dimensións colosais e a Dirección Xeral de Xustiza estase a negar a reforzar o cadro de persoal, a pesar das continuas solicitudes que se fixeron desde UGT-Xustiza e desde o propio Xulgado". O sindicato advirte que "se non se toman pronto as medidas adecuadas, o xulgado colapsará". 

Entrada dos Xulgados de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

UGT denuncia, e confirman varias fontes internas, que "o xulgado colapsará" ante a negativa da Xunta a reforzalo

Similares críticas lanzan varias fontes xudiciais coñecedoras de primeira man da situación do xulgado. Unha situación que está a facer que o persoal máis veterano pedise o traslado e mesmo o que acaba de chegar xa estea a facer tamén o mesmo. "É unha desesperación absoluta, catro tramitadoras que levaban anos escaparon", di unha das fontes consultadas, mentres que outra confirma que hai funcionarias traballando polas tardes desde a casa para tentar paliar a situación.

En novembro de 2021, oito anos despois do accidente, rematada a instrución pero aínda pendente o xuízo, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) chegou a admitir ás vítimas que "unha xustiza lenta non é xustiza". Lograda polos afectados de Angrois unha primeira sentenza, agora a demora afecta xa a outras moitas persoas pendentes do xulgado Penal 2 de Santiago.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.