Milleiros de sinaturas para reclamar o adianto aos 40 anos do cribado do cancro de mama
Hai uns meses á compostelá María Varela foille diagnosticado, con 42 anos, un cancro de mama metastásico en estadio IV. Este xoves entregou no Ministerio de Sanidade 65.000 sinaturas recollidas a través de Change.org para ampliar o mecanismo de detección da doenza: "Se me fixeran probas antes, teríanme detectado o cancro a tempo e quizais tería unha opción de curarme", di.
Os carburantes soben xa ata un 25% en Galicia dende o inicio da guerra
Dende o inicio dos ataques de Estados Unidos e Israel contra Irán o pasado 28 de febreiro, hai case dúas semanas, o prezo da Gasolina 95 elevouse máis dun 13% en Galicia, chegando xa aos 1,70 euros de media, e o do Gasóleo A fíxoo en máis dun 25%, ata case o 1,85 euros. Este xoves 12 de marzo a diferenza entre a gasolineira máis cara e a máis barata de Galicia superaba xa os 40 céntimos por litro na Gasolina 95 e os 54 céntimos por litro no Gasóleo A.
A guerra de Trump ameaza de novo o poder adquisitivo da poboación
A crise de prezos iniciada en 2022 só foi compensada en parte por unha suba dos salarios que aínda que en 2024 si aumentaron por riba do IPC, levaron a unha perda do poder adquisitivo dunha parte importante da poboación. Produtos de primeira necesidade, comezando pola alimentación, levan tempo subindo máis que os ingresos, o mesmo que a vivenda. Semella un mal momento para unha nova crise inflacionaria.
O maio de 1968 comezou en marzo e fíxoo en Compostela: así podemos viaxar no tempo
Esta semana un roteiro organizado polo Concello de Santiago percorrerá os escenarios da Compostela do ano 1968: os lugares clave na protesta estudantil, coma as facultades de Medicina e Historia, pero tamén os bares e a libraría de libros prohibidos. Enmárcase no proxecto Antes de maio, que inclúe o audiovisual interactivo do mesmo nome, realizado por Aqueladas, que se estrea o 17 de marzo no Teatro Principal.
'Mulleres da Reconversión': a memoria silenciada das que tamén sufriron o devalo industrial da Ría de Ferrol
O proxecto Mulleres da Reconversión, impulsado pola Deputación da Coruña, busca homenaxear as mulleres que viviron en primeira persoa o proceso de reconversión industrial, poñendo en valor o seu papel, moitas veces silenciado, nun momento clave da historia social e económica do concello de Fene. Este venres presentouse o documental realizado por Iago Varela e a exposición que recolle os testemuños recollidos
- Reportaxe
- Acontece
O feminismo alén do 8M: "O importante é o que fagas o resto do ano"
Hai que celebrar o 8 de marzo, pero que pasa os outros 364 días do ano? Falamos con Patricia Porto (Lila de Lilith), Lucía Rodríguez (Agareso), Ximena González (Marcha Mundial das Mulleres) e Fedra, Majo e Ana, da cooperativa viguesa Amorada sobre a maneira de avanzar no feminismo no traballo do día a día.
- Entrevista | Jorge Coira
- Cultura
15 anos de '18 comidas', a película improvisada para "redescubrir o gusto" por facer (e ver) cine
A segunda longametraxe do lucense Jorge Coira celebrou o seu 15 aniversario coa súa edición en Blu-ray e un pase especial en NUMAX. O filme coral destacou pola maneira en que foi construído, cun gran peso da improvisación a cargo dos seus actores e actrices en cada escena e, posteriormente, por un complexo traballo de montaxe. "Foi unha película moi especial", destaca Coira.
Vivenda máis cara ca nunca: o prezo de compra en Galicia supera o máximo da burbulla inmobiliaria
Os prezos da vivenda de segunda man (a máis habitual nas transaccións de compra-venda) superan por primeira vez o nivel máximo que se rexistrara a finais de 2007. O 2025 marca tamén un récord no ritmo de encarecemento; o pasado ano o prezo da vivenda usada subiu un 13,3% en Galicia, superando o anterior máximo (+9,7% en 2007).
Galicia lidera o abandono da materia de Relixión: do 91% ao 53% en vinte anos
A porcentaxe de alumnado que cursa a materia confesional en Primaria descendeu abruptamente dende o inicio deste século e sitúase xa por debaixo da media do Estado. En ESO e Bacharelato a redución é máis lenta. Hai grandes diferenzas entre os centros públicos, nos que houbo un cambio maior, e os privados, nos que a a Relixión mantén máis forza.
"Europa teme enfrontarse a Trump pero non quere acompañar unha guerra que considera ilexítima"
Os ataques estadounidenses e israelís contra Irán chegan ao seu sexto día, con máis dun milleiro de mortes e unha escalada que afecta a varios países e que ameaza con provocar unha crise enerxéctica e económica global. Falamos con Susana Mangana Porteiro, investigadora e docente na Universidade Deusto de Bilbao. Criada en Arrasate (Guipúscoa) pero de ascendencia galega, Mangana colabora co Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI).
40 anos do referendo da OTAN: só o 21% do censo galego votou a favor
O 12 de marzo de 1986 España aprobou en referendo permanecer na OTAN, nunha consulta que rexistrou unha elevada abstención e na que o si se impuxo por 13 puntos. En Galicia a diferenza foi máis ampla (vinte puntos) pero coa participación máis baixa do Estado (38%), de xeito que só 1 de cada 5 votantes apoiou a proposta. Consulta no interior o resultado en cada concello
Traballar gratis: as horas extra non pagadas en Galicia fan perder 7.600 euros anuais a cada persoa afectada
Cada semana os asalariados e asalariadas galegas traballan máis de 122 mil horas fóra do seu horario laboral -horas extra- polas que non reciben remuneración. Esta situación afecta ao 2,2% das persoas traballadoras en Galicia (unhas 21.000), que de media realizan 5,8 horas extra non pagadas cada semana. Son os datos dun informe que denuncia esta "situación de explotación laboral persistente e estrutural".