Que tal foi a Semana Santa? Levas varios días sen ler un xornal? Nos tempos festivos ás veces parece que o mundo se detén, pero dende logo seguen a pasar cousas e nós seguimos a contalas. Se desconectaches da actualidade estes últimos días ofrecémosche aquí unha peneira de novas, entrevistas e reportaxes para recuperares e leres de vagar. Son dez informacións que seguirán dando que falar no futuro e que che agrupamos aquí para que sexa máis doado chegar a elas.
Altri escolleu usar auga do Ulla e non do Miño por ser competencia estatal e os permisos, "máis difíciles"
O proxecto de fábrica de celulosa e fibra téxtil de Altri está a ser un dos temas do momento. Este sábado soubemos que a empresa decidiu instalar a factoría a carón do río Ulla, en Palas de Rei, e non do Miño, nalgún punto entre Outeiro de Rei e Portomarín, porque os permisos para abastecerse do primeiro dependen da Xunta mentres que no segundo, competencia do Estado, "os outorgamentos de concesións de aproveitamento e vertido ían ser máis difíciles". Así o sinala a propia empresa no estudo de impacto ambiental do proxecto.
A contaminación de Altri atinxiría do Ulla á ría de Arousa e arriscaría a dispoñibilidade de auga potable
Non foi o único tema sobre Altri que publicamos estes días, nos que tamén afondamos no impacto medioambiental da factoría, que poría en risco o acceso a auga potable nos concellos da zona ata os da ría de Arousa, sobre todo no verán
Onde se xoga en Galicia: un bar con comecartos por cada 370 persoas
Este domingo publicamos unha radiografía do xogo en Galicia, especialmente das máquinas comecartos que se poden atopar en moitos dos bares do país. En Galicia hai máis de 7.000 bares con máquinas de xogo, un por cada 370 persoas, aínda que esta proporción dispárase nalgúns concellos, como A Gudiña e A Mezquita. Ademais, existen máis de mil locais específicos como administracións de lotaría, tendas de apostas, casinos ou bingos.
"Grave incumprimento" dos prazos do bono alugueiro para a mocidade: Defensor del Pueblo e Valedora desmontan a xestión da Xunta
Hai uns días soubemos tamén que tanto o Defensor del Pueblo como a Valedora do Pobo foron moi críticos coa xestión que a Xunta realizcou das axudas ao alugueiro para a mocidade establecidas polo Goberno de España pero xestionadas polas comunidades autónomas. Nos seus informes, tanto unha coma a outra institución coinciden en sinalar demoras de máis dun ano en resolver as solicitudes cando deberan tardar un máximo de 3 meses.
Radiografía do electorado católico: do PP, co voto decidido antes da campaña e criado en galego
O 18F quedou xa atrás, pero nós seguimos a analizar o que pasou nas eleccións, tirando do fío da información contida no estudo postelectoral do CIS e reparando especialmente nesta Semana Santa no comportamento do electorado católico. Vemos como -sobre todo os católicos parcticantes- é un sector da poboación que de forma esmagadora vota ao PP, aínda que se nos fixamos nos católicos non practicantes, as preferencias son moi semellantes ás do conxunto da poboación.
Pacientes de oncoloxía do CHUS denuncian "ata oito meses" de demora nas revisións: "Sentímonos abandonadas"
Estes últimos días vimos tamén como pacientes de oncoloxía do CHUS denunciaban demoras de ata oito meses nas revisións que deber pasar nos primeiros anos despois de superar a enfermidade. As doentes denuncian sentirse "abandonadas". O hospital admite os atrasos, que atribúe a "reaxustes de persoal" que obrigan, din, a "priorizar o inicio de tratamento de novos doentes".
O número de agresións sexuais con penetración duplicouse nos últimos cinco anos en Galicia
Coñecemos, igualmente, datos moi preocupantes sobre o forte incremento dos delitos contra a liberdade sexual en Galicia no último ano, nomeadamente das violacións, que xa son máis do dobre das que se rexistraban hai cinco anos. En 2023 rexistráronse 201 violacións, fronte ás 155 do ano anterior e as menos de cen que se producían anualmente antes de 2019. Vigo, con 36, foi a cidade con máis casos.
"O inicio da TVG foi un momento histórico para o país, foi a primeira vez que Galicia se miraba a si mesma"
A pasada fin de semana entregáronse os Premios Mestre Mateo. Na gran noite do audiovisual galego recoñeceuse, ademais, a traxectoria de Eva Veiga, xornalista e poeta e unha das pioneiras que puxeron en marcha a TVG hai case corenta anos. Ademais, falamos con Bruno Arias, que gañou o premio ao Mellor documental con 'Os espazos en branco', producido por Serea Films, onde explora a pegada que a súa tía, a poeta Xela Arias, deixou nel.
Facer 40 anos en 2024: a "estabilidade inestable" dunha xeración
Tamén fomos falar cun grupo de mulleres e homes que fixeron ou están por facer 40 anos neste 2024. Nacidas e nacidos en 1984, chegan á corentena con moitas preocupacións comúns, como a vivenda (e as dificultades para acceder a ela) e a maternidade/paternidade.
Unha ducia de momentos do regreso dos restos de Castelao a Galicia en 1984
Pechamos este repaso á Semana Santa cunha ducia moi especial, que celebra o 40 aniversario da chegada dos restos de Castelao á Galicia, unha efeméride que se conmemora este mes de xuño. Con ese motivo, o Museo de Pontevedra organizou Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa, fotografías, unha exposición que se pode visitar ata o 2 de xuño, na que se lembra aquel día a través de 52 imaxes de Xan Carballa para o semanario A Nosa Terra.