23X | O escrutinio supera o 90% con Pedro Sánchez en condicións de seguir gobernando malia á primeira posición do PP

CC-BY-NC-SA Foto: © Congreso | Montaxe: Praza.gal
  • O escrutinio galego, estable cando se achega ao 90%. O PP sumaría 3 escanos a costa do PSOE e estaría en 13, fronte a 7 socialistas, 2 de Sumar e 1 do BNG

  • O PP é primeira forza en votos e escanos ás portas do 90% do escrutinio. As dereitas, sumando PP e Vox a UPN e Coalición Canaria, terían 171 escanos, 5 por baixo da maioría absoluta.

  • O escrutinio total supera o 85% co PP en primeira posición en escanos, pero co PSOE con máis votos e máis posibilidades de sumar maioría para gobernar.

  • Con case o 70%, o PSOE é primeira forza en votos (32,59%) e aínda que o PP tería dous escanos máis (131 fronte a 128), Pedro Sánchez seguiría en condicións de volver optar a ser investido presidente do Goberno de España.

  • O escrutinio galego tamén supera o 60% e o PP ten 13 dos 23 escanos. Seguiría sendo o seu mellor resultado dende 2011. O PSdeG perdería eses 3 asentos e quedaría con 7, Sumar lograría 2 e o BNG, 1.

  • Co escrutinio ao 62% na media estatal, Pedro Sánchez estaría en condicións de volver optar á investidura malia ser o PP primeira forza en votos e escanos. Os de Feijóo teñen agora 131 asentos no novo Congreso e seguen sen sumar absoluta co resto das dereitas, mentres que os de Sánchez logran 128.

  • O PP ponse por diante en escanos co 53% escrutado, 131 fronte a 130 do PSOE. As dereitas, non obstante, seguen sen sumar maioría absoluta.

  • O escrutinio supera o 50% no total estatal co PSOE superando por un escano ao PP, 131 fronte a 130, e as dereitas continúan sen sumar maioría absoluta.

  • O escrutinio galego achégase ao 40% e o PP mantense con 14 escanos fronte a 6 do PSdeG, 2 de Sumar e 1 do BNG. Sería a maior representación obtida polos populares polas circunscricións galegas no Congreso dende 2011.

  • Co 33% dos votos escrutados, PSOE e PP empatan a 131 escanos, aínda que cos socialistas con máis votos e as dereitas, sen sumar maioría absoluta.

  • En Galicia o escrutinio xa superou o 30%. O PP ten agora 14 escanos (+4) fronte a 6 do PSdeG (-4), 2 de Sumar e 1 do BNG.

  • O reconto achégase ao 30% no total estatal -aínda que cunha autonomía clave, Madrid, apenas no 4%- e o PSOE segue en cabeza con 133 escanos mentres que o PP, malia á súa forte suba, non lograría a absoluta sumando os seus 128 escanos aos 32 de Vox e nin sequera agregando os 2 que sumarían Coalición Canaria e UPN.

  • Co escrutinio ao 18% no total estatal, o PSOE sería primeira forza con 128 escanos e o PP, segunda con 123. Pedro Sánchez estaría en condicións de volver ser investido e as dereitas estarían lonxe da maioría absoluta. En Galicia, o reconto tamén rolda o 18%, co PP logrando 15 escanos por 6 do PSdeG e cadanseu escano para BNG e Sumar.

  • Unha vez computado o voto por correo -non o dos residentes ausentes-, a participación total sitúase no 68,23% para o total estatal e no 72,47% en Galicia.

  • A enquisa de Sigma Dos para as televisións públicas outorga ao PP 12 dos 23 escanos que suman as circunscricións galegas, dous máis que en 2019. O PSOE tería 8 ou 9 (tivo 10 hai catro anos), o BNG mantería o da Coruña e podería aspirar a outro en Pontevedra e Sumar oscilaría entre 0 e 2.

  • A enquisa de Sondaxe para La Voz de Galicia tamén sitúa o PP en primeira posición no novo Congreso e tamén o achega á absoluta sumando con Vox, aínda que tamén deixa marxe para un goberno encabezado pola esquerda. Segundo este inquérito, que é a edición final do seu tracking diario, o BNG lograría 2 escanos, un pola Coruña e outro por Pontevedra.

  • As dúas grandes enquisas publicadas ao peche dos colexios electorais sitúan a suma de PP e Vox ao bordo de lograr a maioría absoluta. A de Sigma Dos para as televisións públicas sitúa os de Feijóo con entre 145 e 150 escanos e á formación de extrema dereita entre 24 e 27, o que na sía banda baixa daría certa marxe para un goberno encabezado polo PSOE. A de GAD 3 para Mediaset, pola contra, contempla esa maioría absoluta da dereita en todo caso.

  • Pechan os colexios electorais en Galicia e no resto da Península tras once horas abertos. O escrutinio comezará a coñecerse ás 9 da noite, unha vez que pechen tamén os colexios en Canarias.

    CC-BY-SA EC
  • No segundo e derradeiro avance de participación deste 23X, ata as 18 horas, a afluencia ás urnas en Galicia situouse no 56% uns 3 puntos menos que o 59% rexistrado nas primeiras xerais de 2019, as de abril, e dous puntos e medio máis que o 53,3% das segundas xerais daquel ano, as de novembro. As cifras de participación destas xerais poden estar condicionadas polo aumento do voto por correo, que non se contabiliza nestes avances parciais de votación presencial senón só ao remate da xornada electoral.

    Por provincias, Pontevedra é a que rexistra máis participación e A Coruña a que máis medra a respecto de 2019. Por cidades, a participación aumenta a respecto de novembro de 2019 en Pontevedra (+3,19 puntos), Ferrol (+1,82), Vigo (+0,53), A Coruña (+0,29) e Santiago (+0,25) e cae en Lugo (-1,37) e Ourense (-1).

    No conxunto estatal a participación é do 53%, case catro puntos menos que nas xerais de novembro de 2019 e case oito menos que nas de abril daquel ano.

  • No primeiro avance de participación deste 23X, ata as 14 horas, a afluencia ás urnas en Galicia situouse no 39%, uns 2 puntos máis que o 37% rexistrado nas primeiras xerais de 2019, as de abril, e 7 máis que o 32% das segundas xerais daquel ano, as de novembro. As cifras de participación destas xerais poden estar condicionadas polo aumento do voto por correo, que non se contabiliza nestes avances parciais de votación presencial senón só ao remate da xornada electoral.

    Por provincias, Pontevedra é a que rexistra máis participación e tamén a que máis medra a respecto de 2019.

    No conxunto estatal a participación achégase ao 40,5%, dous puntos e medio máis que nas xerais de novembro de 2019 pero un punto menos que nas de abril daquel ano.

  • Este 23X son as segundas eleccións nas que Alberto Núñez Feijóo non vota en Galicia tras dimitir hai un ano da presidencia da Xunta e pasar a ser senador en representación do Parlamento de Galicia pero censado en Madrid, onde votou este domingo no Colexio Ramiro de Maeztu, na rúa Serrano desa cidade. 

    Feijóo votando en Madrid este 23X © PP
  • Os líderes dos principais partidos galegos tamén votaron xa ao longo da mañá apelando á participación.

    Ana Pontón, Alfonso Rueda de Valentín González Formoso votando este 23X CC-BY-SA Praza Pública
  • Yolanda Díaz tamén votou xa, en Madrid, pedindo que ningún voto quede na casa por un mañá "con máis dereitos, máis democracia e máis liberdade".

    Yolanda Díaz votando este 23X © @Yolanda_Diaz_
  • Aquí podes consultar os resultados das xerais de 2019 en cada concello galego.

  • Hai catro anos, o 10 de novembro de 2019, o PP foi a forza máis votada en Galicia por unha marxe moi escasa sobre o PSdeG, apenas dez mil votos.

  • O voto por correo duplicouse nestas eleccións xerais a respecto das de 2019. Das 146.000 persoas que solicitaron votar dese xeito en Galicia finalmente o fixeron 139.000, segundo datos divulgados este sábado por Correos.

  • Neste 23X Galicia ten un 45% menos de electorado mozo e un 21% máis de maiores de 65 anos que nas primeiras eleccións xerais do século.

  • Pedro Sánchez votou a primeira hora en Madrid agradecendo o traballo das persoas que participan no dispositivo electoral e desexando que as urnas propicien un goberno "forte" que permita a España "avanzar durante os próximos catro anos".

    Pedro Sánchez votando este 23X © PSOE
  • Lugo, ás 9.02 horas, foi a primeira provincia galega en constituír todas as súas mesas electorais, mentres que a que máis se demorou, ata as 9.20 horas, foi unha mesa en Sequeiros, Valdoviño. Segundo a Delegación do Goberno de España en Galicia, a apertura das mesas completouse sen grandes incidencias. De feito, sinala como "a máis significativa" que no Centro Sociocultural de Teo o primeiro votante tivo que incorporarse como membro da mesa.

    Centro de incidencias electorais da provincia da Coruña este 23X © Delegación do Goberno de España en Galicia
  • Os colexios electorais veñen de abrir ás 9 da mañá e así permanecerán ata as 20 horas. En Galicia unha ducia de forzas compiten polos 23 escanos do Congreso e os 16 do Senado. Esta foi a distribución de escanos no Congreso en Galicia en todas as xerais celebradas ata agora, con triunfos maioritarios do PP pero dominio da esquerda en 5 das 7 últimas convocatorias.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.