Marcos Pérez Pena

Unha ducia de filmes gañadores dos Premios Mestre Mateo

Este sábado entréganse en Lugo os Mestre Mateo, os grandes galardóns do audiovisual galego, que chegan á súa edición número 24. Nesta cita Antes de nós, Sirât e As liñas descontinuas aparecen como grandes favoritas, pero no case cuarto de século de historia dos premios o cinema galego vai acumulando un máis que interesante abano de filmes gañadores. Repasamos aquí unha ducia destes títulos, unha boa mostra da historia recente da sétima arte no país.

  1. 02

    Os mortos van á presa (2009)

    Os mortos van á presa, de Ángel de la Cruz, mantén outro récord, o de máis nominacións -vinte-, superando a Dhogs, que obtivera 17 candidaturas finalistas. Gañou finalmente dez destes galardóns, entre eles o de mellor película. E iso que o filme atravesara grandes dificultades na súa realización e a rodaxe tivo que ser suspendida no verán de 2006 por problemas de financiamento, retomándose tempo máis tarde.

    Ángel de la Cruz: "Non sería raro que un filme de animación fose nominado na categoría de mellor película"

  2. 03

    O Apóstolo (2013)

    Galicia foi historicamente unha potencia na animación, pero só nunha ocasión unha película animada se fixo co premio ao mellor filme nos Mestre Mateo. Foi no ano 2013 con O Apóstolo, de Fernando Cortizo, unha arriscada aposta por unha obra de stop motion, que atravesou grandes atrancos económicos no seu longo proceso de realización, que durou máis de catro anos. Gañou seis premios, entre eles o de mellor película e dirección.

    Antes dos Mestre Mateo existiron os Premios Chano Piñeiro, que só se entregaron nunha edición, en 2002. Nese ano a película gañadora tamén foi un filme de animación: O bosque animado, dirixido por Ángel de la Cruz.

    Fernando Cortizo: "Vivir nun país sen cultura converteranos en man de obra barata para o exterior”

  3. 05

    18 comidas (2011)

    Varias películas (e series) de Jorge Coira impuxéronse en sucesivas edicións dos Premios Mestre Mateo. De feito, Coira suma unha vintena de premios, cinco deles como director. En 2011 a gran gañadora foi 18 comidas, unha singular película, na que a improvisación xoga un papel determinante, que obtivo sete galardóns. Recentemente, o filme celebrou o seu 15 aniversario cun pase especial en NUMAX.

    15 anos de '18 comidas', a película improvisada para "redescubrir o gusto" por facer (e ver) cine

  4. 07

    Matria (2024)

    Matria, de Álvaro Gago, non obtivo o premio ao mellor filme nesta edición, pero fíxose don cinco galardóns, entre eles o de mellor interpretación feminina, para María Vázquez. E iso é o que destacamos, pois a actriz é a que suma un maior número de premios na historia dos Mestre Mateo (catro), cun total de oito nominacións.

    🔊 Fálase | Mulleres de Matria

  5. 08

    Os fenómenos (2015)

    Alfonso Zarauza é outro dos cineastas máis recoñecidos na historia dos Mestre Mateo. En tres ocasións unha película súa (A noite que deixou de chover, Os Fenómenos e Ons) fíxose co galardón ao mellor filme e el mesmo recibiu varios premios como director, guionista e tamén realizador de televisión. En 2015 con Os Fenómenos, un oportuno relato sobre os efectos da crise da Gran Recesión, gañou os premios a mellor dirección e mellor guión.

    Alfonso Zarauza: "É fundamental axudar a crear unha comunidade de artistas, que haxa moitas persoas soñando con facer películas"