Praza Pública

Unha ducia de informacións máis lidas en Praza durante 2021

Hai moitos resumos informativos posibles do ano que vén de rematar. É case imposible achegarse a ningún deles sen que apareza a COVID e as restricións, a sanidade pública ou asuntos como o peche de sucursais bancarias. Todos estes e algúns outros son tamén temas das informacións que máis lestes en Praza.gal durante 2021. Repasámolas no inicio dun ano con moito que contar e que, tamén en Praza.gal, traerá consigo novidades.

  1. 01

    A Xunta reabre a hostalería e permite a mobilidade segundo a incidencia da COVID e por áreas sanitarias agás en 17 concellos

    22/2/2021 A finais de febreiro, o Goberno galego anunciaba un novo sistema para a súa desescalada de restricións, baseada na suma de casos da COVID-19 detectados a 14 días e Feijóo pedía á cidadanía que "se quere volver aos bares, teña un comportamento correcto". O sistema mudaría apenas tres días despois.

    🔗Volve lela

  2. 02

    Condenados catro gardas civís de Noia por abuso de autoridade sobre un compañeiro con insultos homófobos e vexacións

    8/11/2021 “Prefiro un fillo morto ou drogadicto que maricón”, “arriba España e morte aos maricóns” ou “a muller do posto” son expresións que segundo a sentenza dirixían ao axente, cuxo caso foi denunciado polo hospital de Santiago que o atendeu cunha crise de ansiedade

    🔗Volve lela

  3. 03

    Así era Galicia: publícanse na rede miles de imaxes históricas que amosan os cambios das cidades e vilas galegas

    3/11/2021 A fototeca do Instituto de Patrimonio Cultural de España (IPCE) publicaba milleiros de imaxes dos seus arquivos para a súa libre consulta en internet. Entre os fondos más destacados, as 7.000 fotografías que proceden dos arquivos Pando e Wunderlich, máis de mil delas tiradas en Galicia.

    🔗Volve lela

  4. 04

    “Insólito”: o Tribunal Superior condena a ocupación pola Xunta dunha propiedade privada para favorecer unha construtora

    6/11/2021 O TSXG ratificou unha sentenza dun xulgado inferior que un ano antes obrigara o Goberno galego a devolver ao seu dono 15.000 metros cadrados dos que se apropiou con “desviación de poder” para construír a Autovía do Morrazo

    🔗Volve lela

  5. 05

    A Xunta di que subvencionar á banca para que poña caixeiros onde peche oficinas "son cartos moi ben investidos"

    16/7/2021 Tras quedar confirmado que a Xunta ía subvencionar unha entidade bancaria -daquela, aínda era descoñecida cal- por instalar e manter caixeiros automáticos en vilas sen este servizo onde pechasen previamente sucursais, o Goberno galego defendeu a súa decisión nestes termos a preguntas da oposición.

    🔗Volve lela

  6. 06

    Un programa da TVG expón unha muller a reencontrarse cun ex-mozo co que rompera por controlala

    9/4/2021 O programa 'Land Rober' promoveu o reencontro a petición do ex-mozo e presentouno como unha "sorpresa" a prol do "amor". Tras sinalar a muller que rematara a relación por mor de condutas controladoras, o presentador pediu perdón pola "torpeza" cometida

    🔗Volve lela

  7. 07

    Por áreas, concellos e incidencia: guía das restricións máis complexas da Xunta pola COVID

    25/2/2021 Tras varios días de matices e confusións, o Goberno galego concretaba o seu novo modelo de restricións pola COVID-19 no marco dunha nova desescalada. Segundo o aprobado daquela, nas áreas sanitarias da Coruña, Ferrol e Pontevedra, a veciñanza só podía desprazarse a outros concellos no seu mesmo nivel de incidencia e da súa mesma área sanitaria

    🔗Volve lela

  8. 08

    40 anos da odisea do 'Xurelo': "Debería figurar no calendario de vitorias de Galicia e da humanidade"

    15/9/2021 En setembro lembramos o cuadraxésimo aniversario da fazaña do Xurelo, o barco que, con mariñeiros, xornalistas e membros de Esquerda Galega a bordo, foi o artífice e impulsor dunha loita que acabou cos vertidos radioactivos no Atlántico. Fixemos memoria daquel fito coa axuda de Manuel Rivas, daquela un mozo xornalista e tripulante do barco.

    🔗Volve lela

  9. 09

    A Axencia de Protección de Datos pide explicacións á Xunta por esixir certificado de vacinación na hostalería

    30/7/2021 En xullo, a Xunta comezou a apostar por requirir o certificado COVID para acceder aos locais hostaleiros. O ente que vela pola privacidade da información persoal reclamou "comprobar a licitude do tratamento de datos" e advertiu de "efectos discriminatorios" que tamén observou inicialmente o Tribunal Superior de Xustiza, aínda que finalmente o Tribunal Supremo acabou permitíndo a súa implantación baixo certas condicións.

    🔗Volve lela

  10. 10

    Os concellos que queiran caixeiros subvencionados pola Xunta aos bancos deberán pagarlles o consumo eléctrico, de telefonía e limpeza

    18/5/2021 Praza.gal revelaba novos detalles do plan da Xunta para subvencionar á banca a instalación de caixeiros en vilas sen sucursais e sen este servizo. Os gobernos locais, ficaba confirmado, poderían elixir se queren só o aparato ou tamén o servizo de axuda á cidadanía dúas horas á semana, para o que ademais deberían ceder ao banco unha oficina.

    🔗Volve lela

  11. 11

    Os datos desmenten a 'aldraxe' das vacinas denunciada pola Xunta: Galicia é o terceiro territorio que recibiu máis doses por persoa

    11/8/2021 Ante o anuncio do Goberno de España dun envío extraordinario de doses de vacinas a diversas comunidades autónomas para acadar antes da fin de agosto o obxectivo do 70% de poboación vacinada con pauta completa, que Galicia xa superara tempo atrás, a Xunta asegurou estar sendo obxecto dun "ataque" por non estar incluída nese envío. Os datos acreditaban que, naquel altura, Galicia era o terceiro territorio que recibira máis vacinas por persoa (1,4), fronte a unha media estatal de 1,28 e só por tras de Asturias e Castela-León.

    🔗Volve lela

  12. 12

    Bruxelas asume a precariedade das enfermeiras do Sergas e mantén a investigación, que tamén apoia o PP europeo

    26/1/2021 A Comisión Europea recoñecía a situación de precariedade da enfermaría eventual do Sergas e os "abusos" da temporalidade que sofren estas traballadoras. Foi ao fío dunha enuncia presentada polo colectivo Eventuais en Loita no Parlamento Europeo a través da voceira do BNG ante as institucións comunitarias e futura eurodeputada, Ana Miranda.

    🔗Volve lela