Unha ducia de libros editados en Galicia para pechar o ano 2022
Seleccionamos unha ducia de obras editadas ao longo de 2022 polas editoras galegas desde a narrativa ao ensaio pasando pola poesía e a banda deseñada, así como pola literatura infantil e xuvenil. Este ano a literatura galega consolidouse nos recoñecementos no Estado cos premios nacionais de Narrativa para Marilar Aleixandre pola súa novela As malas mulleres, editada por Galaxia, e polo galardón de Poesía Joven 'Miguel Hernández' para Ismael Ramos polo seu terceiro poemario, Lixeiro, editado con Xerais. O escritor e xornalista Manuel Rivas participou no acto de peche da Feira do libro de Frankfurt e naceron novas editoras como Nêspera, Menino Morreu ou Boadicea. Fitos que seguiremos contando en 2023, un ano máis para celebrar os nosos libros. Pero mentres, aquí vai un petisco do publicado neste ano que remata.
-
01
'Avelaíñas eléctricas', de Sica Romero
Mariña e Olivia, e os porqués de comportamentos que non podemos comprender, protagonizan Avelaíñas eléctricas a primeira novela de Sica Romero que tamén é a carta de presentación da editora Nêspera. Unha obra de non ficción que ten presentes os versos de Rosalía de Castro como guía para principiar cada capítulo. “É difícil que cadaquén non escriba sobre o que leva dentro e precisa comprender”, afirmou a autora nesta entrevista con Praza.
-
02
'O Lume', de David Rubín
Un inmenso asteroide aproxímase á Terra. Alexander Yorba, afamado arquitecto de mediana idade, é o encargado de idear e erguer con urxencia unha colonia lunar para asegurar a supervivencia da humanidade ante a colisión. No medio deste proceso, é diagnosticado cun tumor terminal e todo cambia. David Rubín vén de presentar unha nova novela gráfica como autor completo, O Lume, que se publica á vez na edición en galego da editorial Demo que na de castelán de Astiberri.
-
03
'A festa equivocada', de Fran P. Lorenzo
O xornalista vigués Fran P. Lorenzo foi cronista do que aconteceu en Galicia nos primeiros anos dous mil a través dos seus artigos de opinión sempre a pé de rúa publicados no extinto xornal Galicia Hoxe. As editoras Berta Dávila e Carlos Meixide, no seu selo Rodolfo e Priscila, participaron na recuperación destes textos en A festa equivocada, que nos falan de como hai moitas cousas que non mudaron (e incluso poden estar a repetirse). “Para min tamén era un propósito do libro que xente que non viviu ese momento se poida achegar a esa década, que foi moi importante no establecemento de certos paradigmas ideolóxicos. Agora este libro pode lerse como un canto á liberdade de expresión e pode facer que nos cuestionemos se este tipo de interpelacións sería posible hoxe”, razoa o autor nesta entrevista en Praza.
-
04
'Memorias dun exgalego', de Josiño Araújo
Di Josiño Araújo que a novela Memorias dun exgalego é unha “biografía de odio na que o seu protagonista, Anxo, é unhater nato”. Odia a súa familia, aos seus veciños, a súa vila mariñeira... En xeral, odia a Galicia, por iso vai fuxir de aquí. Cunha prosa enchoupada nun humor moi negro con certa retranca, é un libro atípico que edita Laiovento e que é preciso ler ata o final.
-
05
'O tesouro de Pirata Frank', de Mal Peet, Elspeth Graham e Jez Tuya
Se hai un tesouro, hai un mapa. Aínda que ao mapa deste libro fáltalle un detalle fundamental que supón ese xiro que agochan as mellores historias. O tesouro de Pirata Frank é unha obra de Mal Peet e Elspeth Graham con ilustracións de Jez Tuya para público infantil editado por Patas de Peixe coa tradución ao galego, revisión e corrección de Laura Sáez, Mónica Pazos e Saleta Fernández.
-
06
'Maldito', de Amauta Castro e Helena Quintela
O segundo poemario publicado pola editorial Malafera é un artefacto de papel e tinta no que Amauta Castro está detrás dos versos e Helena Quintela ilustra as imaxes que evocan estes poemas. Unha proposta que deliberadamente foxe do que consideran convencional para dar un paso máis. O poeta como “antiprofeta”. Na presentación en liña do libro, o autor citou para explicarse ao poeta Carlos Oroza, quen dixo aquilo de “eres poeta, jódete”.
-
07
'Barroco', de Antía Otero
Barroco comezou dentro dos muros da Facultade de Historia da Arte de Santiago, onde de forma inconsciente a autora comezou por cuestionarse o lugar que ocupaban as mulleres artistas. Antía Otero publica na editorial Apiario, que dirixe xunto á tamén poeta Dores Tembrás, este poemario que é unha homenaxe, un agradecemento e unha maneira máis de tecer rede entre creadoras. “Barroco foi o termo que atopei para denominar a acumulación que nos constrúe como persoas, a luz e a escuridade, as feridas que nunca fechan senón que se actualizan e evolucionan, as intuicións e as certezas”, explicou a poeta nunha entrevista en Praza.
-
08
'Vencellos feroces', de Vivian Gornick
A xornalista e escritora de Nova York Vivian Gornick traza en Vencellos feroces unha definición do que son as relacións entre nais e fillas a partir da súa propia historia. Considerada unha das pioneiras da autoficción que tanto está a triunfar na actualidade, Gornick obtivo un gran recoñecemento e moitas novas lectoras coa publicación da súa obra en castelán. Agora podemos gozar desta conversa entre filla e nai en galego coa tradución de Moisés Barcia para a editorial Rinoceronte.
-
09
'Os seres queridos', de Berta Dávila
Berta Dávila fíxose co Premio Xerais de Novela por esta historia contada en primeira persoa. Os seres queridos é un libro con moitas arestas que non se coñecen ata o final, pero que vai acollendo ás lectoras e lectores desde as primeiras liñas. Unha historia sobre a maternidade (ou non) desde un prisma demasiado tempo silenciado. “Se cadra este libro trata un tema que é duro en moitos momentos, pero a miña intención era precisamente que o lector se sentise acollido, que non fose un libro hostil”, explicou a escritora en conversa con Praza.
-
10
'Maternidades virtuosas', de María do Cebreiro Rábade Villar
O ensaio Maternidades virtuosas. Unha crítica aos modelos profesionais de crianza, editado por Galaxia tras gañar o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, é un exercicio de María do Cebreiro Rábade Villar para compartir as súas pesquisas sobre o que é ser nai hoxe e mais unha aposta “falar desde o rigor a favor da maternidade”. O libro consta de dúas partes, a primeira máis analítica complétase coa achega máis persoal e poética da autora.
-
11
'Carol', de Patricia Highsmith
É posible que o Nadal sexa a mellor época para ler Carol, a icónica novela de Patricia Highsmith que supera os estereotipos sobre a homosexualidade lésbica e que ela tivo que publicar baixo un pseudónimo nun inicio. Unha historia que podemos ler agora en galego grazas á tradución de María Alonso Seisdedos para a editorial Kalandraka, con portada da ilustradora Sonia Pulido.
-
12
'A lebre mecánica' de Ledicia Costas
Coa historia sobre a adicción ás apostas entre a mocidade que conta Ledicia Costas en A lebre mecánica(Xerais) acadou o seu terceiro Premio Lazarillo. No ano 2015 recibiuno por Escarlatina, a cociñeira defunta e en 2017 por A balada dos unicornios. Unha novela para público xuvenil (pero non só) na que hai espazo para o desamor, pero sobre todo para abordar como se tecen as amizades entre a rapazada e temas fundamentais hoxe como a diversidade sexual e o problema crecente da ludopatía.
-
13
'Prestige. 20 voces x 20 anos'
E un extra: o libro colectivo Prestige. 20 voces x 20 anos, editado por Galaxia con motivo do vixésimo aniversario da catástrofe do Prestige e que cederá os beneficios recadados coa venda á asociación ecoloxista ADEGA. Marilar Aleixandre, Helena Villar Janeiro, Malores Villanueva, Javier Fraiz, Marcos Calveiro, Carlos Callón, Inma López Silva, Paula Carballeira, Francisco Castro, Raquel Castro, Víctor F. Freixanes, Lourenzo Fernández Prieto, Arancha Nogueira, Xavier Queipo, Xesús Rábade Paredes, Elvira Ribeiro, Isabel Risco, Xosé Lueiro, Charo Pita e Xosé Ramón Pena participan nesta antoloxía acompañados polas fotografías da marea negra e do movemento Nunca Máis de José Luís Abalo.