Os 20 do XX, de Antón Varela, publicada nos últimos meses por Vinte, foi a gañadora do Premio á Mellor serie en versión orixinal en galego no Carballo Interplay, que rematou este sábado. Válidas, de Victoria Martín e Carolina Iglesias, obtivo tanto o Premio de Mellor webserie estatal como o Premio do Público. A produción portuguesa Subsolo conquistou o de Mellor serie internacional e David Fidalgo conseguiu o premio ao Mellor proxecto de webserie en galego coa serie de animación 2D dixital Cacola, que estreará na edición 2021 do festival
Fálase
Coincidindo co 18 aniversario do desastre do Prestige, a asociación Unha Gran Burla Negra levou a cabo unha xornada sobre 'Arquivos cidadáns e memoria democrática'. O seminario, que ía celebrarse no Museo do Pobo Galego, realizouse finalmente a través da rede.
Sanidade incorpora Vilalba e A Laracha aos concellos con peche perimetral e restricións máis severas pola COVID-19 e "suaviza" as medidas no Carballiño. Así o vén de aprobar o subcomité clínico que vixía a pandemia. As novas medidas publicaranse nunha edición extraordinaria do DOG. Ampliamos a información neste espazo
O guitarrista ourensán Daniel Minimalia gaña o Grammy Latino ao mellor álbum instrumental polo seu traballo Terra.
O artigo #UNSEGREDOAVOCES. A loita feminista do alumnado da ESADg continúa na rede publicado en Vinte pola xornalista Adela Bértolo Lueiro é o gañador do Premio Alfredo Vicenti de Xornalismo Cívico que entrega o Ateneo de Santiago. O xurado acordou conceder accésits a David Reinero pola serie de reportaxes “O que custou o AVE a piques de rematar”, publicada en Praza.gal, e a Marta Otero Mayán polo artigo “Menores migrantes, ayer y hoy”. O pasado ano 2019 a gañadora do premio fora Montse Dopico por outra reportaxe publicada en Praza.gal.
O Colectivo Nós organiza na noite deste xoves un coloquio sobre a selección galega de fútbol coa presenza de Fernando Vázquez, Sergio Álvarez, Verónica Boquete e Xurxo Souto. Pódese seguir en directo a partir das 21 horas nesta ligazón.
O Congreso aproba por 177 votos a prol, 148 en contra e 17 abstencións a nova lei educativa impulsada pola ministra Isabel Celaá. Entre outras cuestións, a norma impedirá á Xunta renovar os concertos con colexios que segregan por sexo, agora vixentes ata 2023. Tamén garante o dereito a "recibir ensinanzas en castelán e nas demais linguas cooficiais". A norma continúa agora o seu trámite no Senado.
José Manuel Baltar destitúe como vicepresidente da Deputación de Ourense ao líder dos 'rebeldes' de Democracia Ourensana, Miguel Caride, tras a súa expulsión do partido de Gonzalo Pérez Jácome tras dous meses no cargo. Faino despois de que un informe da secretaría xeral da Deputación evidenciase que este nomeamento contradí a recente sentenza do Tribunal Supremo que impide que os tránsfugas non poden asumir cargos que melloren o seu rango político ou económico. Na imaxe, divulgada pola Deputación, Caride e Baltar.
O BOE publica a redución do prezo máximo de venda ao público das máscaras cirúrxicas desbotables. Tras a aplicación da baixada do IVE, este importe máximo queda en 62 céntimos IVE incluído, fronte aos 96 céntimos da anterior limitación
Suicídase Rosario Porto no cárcere de Ávila onde cumpría a condena imposta polo asasinato da súa filla, Asunta Basterra. Porto fora trasladada a este centro penitenciario dende o de Teixeiro (Curtis). O documental 'Operación Nenúfar', da galega Bambú Producciones, abordara en profundidade este caso e a súa investigación, tras a que tamén foi condenado o pai da nena, Alfonso Basterra. (Imaxe: Google Street View)