O Carballo do Bosque do Banquete de Conxo gaña o certame estatal e optará a ser a Árbore Europea do Ano logo de apañar case 23.000 votos. Agora, competirá por facerse co galardón a nivel continental.

O Carballo do Bosque do Banquete de Conxo gaña o certame estatal e optará a ser a Árbore Europea do Ano logo de apañar case 23.000 votos. Agora, competirá por facerse co galardón a nivel continental.
O TSXG autoriza á Xunta a esixir o certificado COVID nos restaurantes todo o día e nos bares dende as nove da noite. O Tribunal sinala que supón non só “evitar contaxios, senón tamén minimizar os riscos”, porque é “unha evidencia científica” que a transmisión da COVID-19 entre os vacinados é “moito menor á dos non vacinados”. Máis información, hoxe en Praza.gal
O Goberno de Portugal lanza un novo paquete de restricións pola COVID, que inclúe a extensión da obriga de presentar test negativo en diversas actividades ou o peche de bares e discotecas e a suspensión da actividade escolar unha semana tras o Aninovo. O test negativo tamén será esixido -mesmo para persoas vacinadas- en todos os voos con destino a Portugal continental; a respecto das fronteiras terrestres, o Executivo de António Costa indica que esta regra será aplicada "com as necessárias adaptações", sen especificar máis polo momento.
A Xunta publica no DOG a redución no número de comensais en restaurantes a 8 persoas por mesa en interiores e 15 en terrazas, entre outros axustes para o sector hostaleiro. O Goberno galego está pendente da autorización do TSXG para esixir nestes locais o certificado COVID.
Todos os grupos do Congreso agás a extrema dereita de Vox asinan a renovación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Entre as medidas pactadas na renovación do pacto, cuxa primeira versión ía vencer en 2022, figuran máis recursos para a prevención e atención ás vítimas, así como incorporar á normativa estatal expresamente as violencias machistas de tipo económico, a violencia vicaria ou as do ámbito dixital, estas dúas últimas xa incorporadas recentemente á lexislación galega. [Imaxe: Ministerio de Igualdade]
O Congreso aproba os Orzamentos Xerais do Estado para 2022 por ampla maioría absoluta, con 188 votos a prol. Son as segundas contas públicas do Goberno do PSOE e Unidas Podemos, que agora continúan trámite no Senado. É a primeira vez dende 2015 en que o Executivo central saca adiante un orzamento sen antes prorrogar o anterior por falta de apoios parlamentarios.
A EMA aproba a vacina contra o coronavirus para menores de entre 5 e 11 anos. A Axencia Europea do Medicamento recomenda a administración da dose de BioNTech e Pfizer tamén para os menores de 12 anos. A entidade aclara que a dose necesaria para a mesma resposta inmune é tres veces menor á empregada nos adultos.
Organizacións feministas convocan mobilizacións para este serán e vilas e cidades no marco do Día Internacional contra a Violencia Machista. A Marcha Mundial das Mulleres está a actualizar as convocatorias e outra información nesta ligazón.
A Xunta amplía a zona afectada pola praga dos cítricos, que foi detectada en 2014 nas Rías Baixas, tras estenderse na última actualización por máis concellos do norte e o oeste de Lugo. Están establecidas restricións de movementos e rexistros das plantas para evitar a expansión da Trioza erytreae Del Guercio ou psílido africano.
O PP de Galicia secunda as mobilizacións de sindicatos policiais contra a reforma da lei mordaza que tramita o Congreso dos Deputados. Feijóo avala as manifestacións porque asegura que a Policía vai quedar "nunha situación límite para defender as leis e a Constitución". Entre os preceptos da reforma figura diminuír o tempo das identificacións na comisaría, limitar o uso de materiais antidisturbios como pelotas de goma ou retirar as penalizacións por gravar accións policiais na rúa, introducidas na etapa de Rajoy. En Madrid, a mobilización contou co apoio do líder do PP, Pablo Casado, e tamén de Ciudadanos e Vox. Na imaxe (CC BY-SA PP), o 'número dous' de Feijóo, Miguel Tellado, e outros cargos do PP na manifestación da Coruña.