Organizacións feministas convocan mobilizacións para este serán e vilas e cidades no marco do Día Internacional contra a Violencia Machista. A Marcha Mundial das Mulleres está a actualizar as convocatorias e outra información nesta ligazón.
![](https://praza.gal/media/cache/live_image/uploads/mmm25n-7f1be2a.png)
Organizacións feministas convocan mobilizacións para este serán e vilas e cidades no marco do Día Internacional contra a Violencia Machista. A Marcha Mundial das Mulleres está a actualizar as convocatorias e outra información nesta ligazón.
A Xunta amplía a zona afectada pola praga dos cítricos, que foi detectada en 2014 nas Rías Baixas, tras estenderse na última actualización por máis concellos do norte e o oeste de Lugo. Están establecidas restricións de movementos e rexistros das plantas para evitar a expansión da Trioza erytreae Del Guercio ou psílido africano.
O PP de Galicia secunda as mobilizacións de sindicatos policiais contra a reforma da lei mordaza que tramita o Congreso dos Deputados. Feijóo avala as manifestacións porque asegura que a Policía vai quedar "nunha situación límite para defender as leis e a Constitución". Entre os preceptos da reforma figura diminuír o tempo das identificacións na comisaría, limitar o uso de materiais antidisturbios como pelotas de goma ou retirar as penalizacións por gravar accións policiais na rúa, introducidas na etapa de Rajoy. En Madrid, a mobilización contou co apoio do líder do PP, Pablo Casado, e tamén de Ciudadanos e Vox. Na imaxe (CC BY-SA PP), o 'número dous' de Feijóo, Miguel Tellado, e outros cargos do PP na manifestación da Coruña.
A Audiencia Nacional autoriza que Alu Ibérica entre en concurso de acredores como "única vía" para protexer o persoal das factorías da Coruña e Avilés. A xuíza decidira o pasado mes de maio a intervención xudicial das fábricas ante a "evidencia" do "baleirado económico" das fábricas.
Decenas de persoas percorren o centro de Vigo en defensa do sector da construción naval convocadas pola CIG. "Salvemos o naval. Polo futuro industrial da comarca de Vigo" é o lema desta nova reivindicación da central sindical, que reclama a intervención pública "como única solución para manter este sector chave". [Imaxe © CIG Vigo]
O Tribunal Supremo acaba coa inmersión na escola catalá ao confirmar o 25% de lingua castelá nas aulas e rexeitar o recurso do Govern.
O Parlamento aproba por unanimidade incluír a violencia dixital na Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Unha proposta do PP, apoiada por BNG e PSdeG, que agora terá que verse reflexada nunha modificación do Código Penal do Estado co fin de perseguir esta clase de delitos, e que supón a segunda modificación da lei de 2007 neste ano, despois de incluír a violencia vicaria dentro das violencias machistas. Por unha emenda do BNG aprobada no pleno [na imaxe © Parlamento de Galicia], o texto lexislativo incluirá unha mención específica ao caso das gravacións de mulleres na Maruxaina difundidas en webs pornográficas.
O Goberno de España garante o apoio de ERC aos Orzamentos ao pactar un mínimo de produción en galego, catalán e vasco na lei audiovisual e a súa presenza en plataformas de streaming.
O BNG absterase na votación definitiva dos Orzamentos Xerais do Estado para 2022. O deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, cualifica de "decepcionante" o resultado das negociacións co Goberno do PSOE e UP a respecto das súas emendas. "Faltou vontade", sinala o nacionalista, quen resalta que a intervención estatal da factoría de Alcoa na Mariña sería dabondo para decantar o seu voto cara ao "si".
Os votos do PP frean as emendas á totalidade de BNG e PSdeG aos Orzamentos Xerais da Xunta para 2022 e mais á a lei de acompañamento das contas, que inclúe a mudanza dun golpe de ata 27 leis, tres aprobadas este mesmo ano.