Pedro Sánchez recibirá a Alfonso Rueda o 28 de xullo, dous meses e medio despois de tomar posesión como presidente da Xunta. Será na mesma xornada en que reciba aos presidentes de Castela e León e Andalucía, onde se celebraron eleccións nos últimos meses.
Fálase
Manuel Rey Pan gaña o premio Somos Esenciais do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia polo seu podcast O ano da pandemia, publicado en GCiencia. O xurado do certame, que distingue traballos relacionados coa COVID, concedeu unha mención especial como finalista á reportaxe Pechar a fronteira foi como pechar a fiestra da casa , de Elena Martín, Pablo Santiago, Sofía Caamaño Deus e Ruben Martins, da cooperativa audiovisual Xarda, publicado tamén no xornal portugués Público.
A ex-dirixente da CUP Anna Gabriel regresa a España e entrégase ao Supremo logo de máis de catro anos en Suíza. O xuíz Llarena déixaa en liberdade e vólvea citar para interrogala nas vindeiras semanas.
Álvaro García Ortiz, ex-fiscal delegado de Medio Ambiente en Galicia, será o novo fiscal xeral do Estado en substitución de Dolores Delgado, que renuncia por motivos de saúde. O fiscal asumira a acusación pública no caso Prestige.
A vaga de calor deixou máis de 500 mortes en España entre o 10 e o 16 de xullo. O Instituto de Saúde Carlos III sitúa o sábado como o pico máximo, con 150 persoas falecidas.
O Celta, "obrigado a asumir a presenza" de Santi Mina nos adestramentos logo de que o xogador esixise a súa incorporación inmediata ao traballo do primeiro equipo. O futbolista foi condenado a catro anos de cadea por abuso sexual pero reclama incorporarse ao equipo mentres a sentenza non sexa firme. O club, nun comunicado, amosa a súa "sorpresa" por un "movemento encamiñado a danar" a entidade.
Acordo para desconvocar a folga na concesionaria do servizo de limpeza do Concello de Santiago, que ía comezar hoxe. O persoal de Urbaser ratifica cun apoio do 92% un pacto que inclúe incrementos salariais, melloras nas xubilacións e a reincorporación de dúas persoas despedidas, segundo informa CC.OO.
Vilamartín de Valdeorras supera os 43º de temperatura. A estación de Meteogalicia na parroquia da Portela desde concello ourensán rexistrou pasadas as 17.30 horas da tarde 43,1º. A 43º exactos chegaron os termómetros en Ribas de Sil (Lugo), mentres que por enriba dos 40º seguen en Sober (Lugo), Larouco (Ourense) e Monforte de Lemos (Lugo) neste domingo que se considera o último día da vaga de calor no país.
Meteogalicia mantén a alerta laranxa por altas temperaturas ata as 21.00 horas no sur das provincias de Lugo e Ourense, na comarca de Valdeorras e na zona do Miño ourensán. Para o luns as temperaturas sufrirán un notable descenso ao achegarse unha masa de aire frío desde o Atlántico [como se aprecia nos mapas], que deixará brétemas costeiras no litoral e nubes e claros con chuvascos treboentos pola tarde en toda Galicia.
A Casa de Rosalía de Castro pecha este domingo a celebración do seu 50 aniversario co festival Abride a fiestra, unha xornada de portas abertas na Casa da Matanza (Padrón) con feira de produtos rosalianos, a exposición ‘O herbario de Rosalía’, zona de xogos para crianzas da man de Brazolinda, a presentación do proxecto 'Es ti que cantas' de audiolibros de Rosalía, as regueifas de Luís O Caruncho vs Lupe Blanco, uns contos de Quico Cadaval, un obradoiro de astronomía da man da Agrupación Ío e as actuacións de Laura LaMontagne & PicoAmperio, Leilía e Rompente. O programa completo pódese consultar aquí.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañou o rei Felipe VI no acto de xura de bandeira e entrega dos reais despachos que tivo lugar esta mañá na Escola Naval Militar de Marín. [Fotografía © David Cabezón/Xunta]