A Xunta certifica que máis da metade dos positivos activos por coronavirus son de persoal sanitario. Feijóo especificou este mediodía en rolda de prensa que "no entorno de 1.100 profesionais" sanitarios están "aínda en corentena" e "máis de 1.000" máis "estiveron infectados pola covid-19" e xa recibiron a alta. Os positivos activos son este 15 de maio un total de 2.008, segundo o Sergas.
Fálase
A Festa da Carballeira de Zas únese á lista de festivais do verán suspendidos a causa do coronavirus. "É unha decisión tomada dende a responsabilidade, con todos os participantes, pero sobre todo, responsabilidade cos nosos veciños e os nosos maiores aos que queremos seguir vendo en futuras Carballeiras", sinalan dende a organización.
A Xunta di que prevé retomar gradualmente e con restricións as visitas a residencias de maiores e de persoas con discapacidade en centros sen casos de coronavirus nas últimas dúas semanas e en concellos cunha incidencia acumulada menor a 3 novos casos por cada 100.000 habitantes. O Consello do Goberno galego vén de aprobar un protocolo de tres fases de 10 ou 15 días, comezando por visitas con cita previa a partir do 18 de maio que se suspenderían se abrolla un positivo. Ampliamos a información neste espazo
Os festivais Portamérica e Sinsal San Simón cancelan tamén as súas edicións deste ano, ao igual que O Son do Camiño e Resurrection Fest. O primeiro di traballar xa na edición de 2021 coas datas do 1 ao 3 de xullo, e as entradas xa mercadas seguirán sendo válidas para daquela ou devolverase o seu importe a partir deste luns.
O Festival O Son do Camiño cancela a súa edición deste ano e programa xa a de 2021 para os días 17 a 19 de xuño. A organización di que as entradas xa mercadas seguirán sendo válidas, que devolverá o importe a quen queira a partir do luns e que traballa para que o cartel deste ano poida facerse o próximo. Tamén Resurrection Fest, Portamérica e Sinsal San Simón veñen de anunciar a cancelación das edicións deste ano.
A Consellería de Educación pide ao profesorado “paixón” e “vocación” cun evento virtual no que profesionais doutras áreas contarán as súas experiencias. A consellería invita ao seu persoal a participar do 18 ao 22 de maio na cuarta edición de Apaixónate, “un evento que, a través de pequenos relatorios de grandes profesionais, quere transmitir como a paixón polo que un fai pode cambiar as nosas vidas e as de aqueles nos rodea”.
O PIB da zona euro cae un 3,8% no primeiro trimestre afectado pola crise do coronavirus. Os maiores devalos son os de Francia (-5,8%), España (-5,2%) e Italia (-4,7%), segundo Eurostat
O porto de Vigo é un dos habilitados para recibir chegadas das pasaxes internacionais permitidas durante as restricións polo coronavirus. O BOE deste venres especifica que se debe a que é, dende 2014, un dos "puntos de entrada con capacidade de atención de emerxencias de saúde pública de importancia internacional". Ningún dos aeroportos galegos está incluído nesta listaxe. O BOE tamén publica hoxe a prórroga das restricións ás entradas procedentes de fóra da UE.
A Xunta fixa o 25 de maio como día de retorno voluntario ás aulas para o alumnado de 2° de Bacharelato e dos segundos cursos de FP media e superior tras a suspensión polo coronavirus. Ampliamos aquí a información. Ademais, as escolas infantís públicas e concertadas inician o prazo de matrícula sen data nin protocolos para a reapertura.
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) cualifica como "insatisfactorio" o Plan de Reactivación do sector cultural presentado pola Xunta hai uns días, e que tamén foi criticado por outros colectivos profesionais. A AAAG advirte da "falta de concreción de prazos e contías, da escasa claridade orzamentaria, a presentación de programas baleiros de contido" ou do "disfrace de convocatorias pendentes e habituais como propostas novas e incentivadoras".