Nas fins de semana de agosto, Praza non se actualiza por descanso do persoal. Pero deixamos moito para ler e o luns xa estamos de volta.
Fálase
O Celta decide "extinguir unilateralmente" o contrato de Santi Mina dúas semanas despois de que se ratificase a súa condena por abuso sexual. Mina fora apartado do equipo hai un ano tras ser condenado pola Audiencia de Almería, pero reincorporárase aos adestramentos do Celta pouco antes de que o pasado 19 de xullo o Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía ratificase a condena a condena a catro anos de cadea e rebaixase a indemnización á vítima por danos morais de 50.000 a 25.000 euros. O futbolista aínda pode recorrer ante o Tribunal Supremo. [Imaxe: RC Celta]
O sestercio da caetra xa está no Museo Provincial de Lugo. Trátase dunha moeda "case única da que só se coñecen tres exemplares no mundo", destaca a área de Cultura da Deputación lucense. O outro exemplar cuxa localización se coñece foi achado en 2005 durante unha escavación na antiga Bracara Augusta exposto actualmente está actualmente no Museo de Arqueoloxía de Braga. O terceiro está en paradoiro descoñecido. Esta peza incorpórase á colección numismática do Museo de Lugo "como parte dun lote de sete moedas, que inclúe dúas moedas suevas e catro visigodas", explica Iria Castro, responsable de Cultura da Deputación -na imaxe-.
Rueda collerá "uns días de vacacións" e di que "non se discute o dereito de ninguén" a telas pero que Pedro Sánchez non debera. O presidente da Xunta di que non lle gustaría discutir sobre o dereito a vacacións de ninguén "pola parte que me toca", pero engade que a respecto das vacacións de Sánchez, criticadas polo PP, "o que está en discusión é se é o momento oportuno agora despois dunhas eleccións e cun proceso de investidura aberto". Sobre as súas, o popular di que sairá "algún día" fóra de Galicia cun recorrido en moto e "a maior parte do tempo estarei aquí".
O novo goberno local de Santiago envía a Rueda unha proposta de taxa turística e o presidente di que chega tarde. Rueda di que a analizará o antes posible pero lamenta que lle chegase "en agosto" logo de que o novo gabinete municipal encabezado por Goretti Sanmartín tomase posesión hai 45 días. [Imaxe: Conferencia Episcopal]
Primal Scream e Parov Stelar, cabezas de cartel do Festival Noroeste da Coruña, do que cae Zara Larsson. Lory Meyers, La M.O.D.A., Arde Bogotá, La Mala Rodríguez, Rayden ou The Rapants completan o cartel.
Falece o xornalista e escritor Ramón Lobo (Lagunillas, Venezuela, 1955) aos 68 anos do cancro que padecía. Lobo foi un dos principais correspondentes de guerra das últimas décadas. O xornalista Guillermo Altares, amigo de Lobo, lémbrao neste obituario en El País e tamén o fai Jesús Maraña en infoLibre. Na imaxe, Ramón Lobo na fotografía coa que asinou as súas colaboracións con infoLibre.
Máis de 8.000 mozos e mozas de Galicia solicitaron o Bono Cultural Xove impulsado polo Goberno de España. Consiste en 400 euros para gastar en libros, prensa, discos ou cine para a rapazada nacida en 2004 ou 2005.
Volven boicotear en Lugo os sinais contra a violencia machista recentemente instalados polo Concello. "Unha vez máis, temos que lamentar un acto vandálico na cidade vinculado co negacionismo da violencia de xénero, ideario no que están instalados os partidos da dereita", lamenta a alcaldesa, a socialista Lara Méndez, quen agrega que "mentres se branquean este tipo de violencias polo mero feito da nosa condición de mulleres, só neste mes de xullo asasinaron 8 mulleres" en diversos puntos do Estado. "Todo o que non sexa loitar contra a violencia machista é ser cómplice da mesma!", conclúe. Os primeiros boicots a estes sinais producíronse cando levaban apenas unha semana instalados. [Imaxe: Concello de Lugo]
PARO REXISTRADO | As inscricións nas oficinas de emprego diminuíron en 1.579 durante o mes de xullo en Galicia e quedaron en 127.445, o que supón 12.405 menos que un ano antes e, en total, a cifra máis baixa da serie histórica. A caída mensual é do -1,22% e na media estatal, do -0,41%. No mesmo mes, a afiliación media á Seguridade Social aumentou en 10.898 persoas (+1,02% e na media estatal, +0,11%) e chega aos 1,08 millóns, 19.935 máis que hai un ano (+1,88% e na media, +2,71%).