Feijóo afirma que, "por suposto", tería sido "mellor non celebrar reunións familiares no Nadal" para evitar contaxios da COVID-19. Afirmouno nunha entrevista con Radio Galicia - Cadena SER despois de que o Goberno galego permitise saltar os peches perimetrais para encontros familiares en Noiteboa, Nadal, Noitevella, Aninovo e Reis, aínda que recomendase non facelo. Previamente, o propio Feijóo apelara a "salvar a campaña de Nadal" e dixera esperar un "reseteo" do sistema sanitario previo ás festas.
Fálase
O Pescados Rubén Burela FS gañou este sábado a súa terceira Supercopa de España de fútbol sala ao impoñerse 2-0 ao Poio Pescamar FSF. As xogadoras laranxas engaden este trofeo aos títulos de Liga e Copa obtidos nos últimos meses e confírmanse como un dos mellores equipos de fútbol sala do planeta
O Concello de Baltar (Ourense) volve rexistrar esta mañá a temperatura máis baixa en Galicia, con -12,4 graos, segundo informa Meteogalicia. En Verín ou Calvos de Randín tamén se baixou dos dez graos negativos. O récord da temperatura máis baixa corresponde a Xinzo de Limia, onde os termómetros baixaron ata os 19 graos baixo cero o 1 de xaneiro de 1971. Xunqueira de Espadanedo (-15,5), Viana do Bolo (-15) e Calvos de Randín (-14,4) rexistraron tamén valores moi reducidos en anos anteriores.
Twitter suspende permanentemente a conta de Donald Trump para evitar 'máis incitacións á violencia'. O aínda presidente dos EUA empregou esta rede social como un dos seus principais altofalantes nos últimos anos
A Xunta endurece as restricións en Santiago, Ames e Teo (que pasan ao nivel de risco extremo) e na Coruña e Ourense (que pasan ao nivel de risco alto). As novas medidas, obrigadas polo empeoramento da situación da pandemia, implican o peche da hostalaría ás 18 horas e a limitación da súa capacidade. O goberno galego incrmentará as cribaxes, algunhas delas dirixidas a grupos específicos, por exemplo ao estudantado universitario. Toda a información, nuns minutos
35 anos despois da derruba do histórico 'scalextric', comeza en Vigo a retirada do paso elevado da rúa Lepanto que quedara como herdanza para dar acceso á AP-9. Tras a demolición en 1986 do gran viaduto levantado dez anos antes para unir a Gran Vía e a autoestrada, que nunca se abriu ao tráfico, quedou este paso elevado sobre a rúa Alfonso XIII que agora será substituído por un túnel no marco das obras da nova estación intermodal de tren e bus.
A Xunta mantén Asturias e Castela e León fóra da obriga de control polo coronavirus de viaxeiros que cheguen a Galicia nunha nova actualización da listaxe na que están nove comunidades. As comunidades veciñas saíron o 22 de decembro dunha lista na que a nivel europeo xa estaba Portugal, que se mantén coa obriga, e na que a agora o Goberno galego incorpora tamén a Francia.
Galicia leva administradas 20.265 vacinas das 37.555 que recibiu, segundo os últimos datos publicados polo Ministerio de Sanidade este xoves pola tarde. Isto supón o 54% das unidades recibidas, unha porcentaxe que case duplica a media española (27,9%). Galicia é a segunda comunidade autónoma, despois de Asturias, que administrou unha maior proporción das súas vacinas. Estes datos supoñen, ademais, que xa están vacinadas case a metade das usuarias/os e persoal das residencias de maiores, que suman 42.000 persoas.
Portugal non descarta un novo confinamento semellante ao de marzo e volve establecer o toque de recollida ás 13 horas en todos os concellos con máis de 240 novos casos por 100 mil habitantes ante o importante aumento de casos de COVID, cuns 10.000 novos ao día.
O Goberno central licita o dragado da ría do Burgo por 48,6 millóns de euros logo de anos de atraso. O delegado do Goberno, Javier Losada, anuncia un prazo de execución de 26 meses duns traballos que comezarán este ano.