Forte tensión entre Donald Trump e Joe Biden no primeiro e agre debate previo ás eleccións presidenciais estadounidenses do vindeiro novembro. O encontro, amplamente seguido a través das redes sociais, pódese volver ver integramente nesta ligazón.

Forte tensión entre Donald Trump e Joe Biden no primeiro e agre debate previo ás eleccións presidenciais estadounidenses do vindeiro novembro. O encontro, amplamente seguido a través das redes sociais, pódese volver ver integramente nesta ligazón.
O Goberno central pacta coa Comunidade de Madrid aplicar criterios homoxéneos nas cidades de máis de 100.000 habitantes de todo o Estado para impoñer novas medidas para frear o coronavirus. As restricións endureceranse neses lugares se a incidencia acumulada en 14 días supera os 500 casos por cada 100.000 habitantes, a taxa de positividade é superior ao 10% e a ocupación de UCI é máis do 35% en toda a comunidade autónoma. Entre as cidades galegas, tan só Pontevedra (que non chega aos 100.000 habitantes) se aproxima a unha incidencia de 500 casos, pero a taxa de positividade en Galicia é do 5,7% e a porcentaxe de camas ocupadas en UCI é do 4%. A proposta debaterase no Consello Interterritorial de Sanidade que se celebra este mércores.
Euskaltel ratifica a incorporación ao seu consello de administración de Beatriz Mato, ex-conselleira de Traballo e de Medio Ambiente e antiga candidata do PP á alcaldía da Coruña. Antes de incorporarse á compañía vasca, matriz de R, xa era directiva dende febreiro da enerxética Greenalia. Nun comunicado, a empresa de telecomunicacións destaca dela a súa "ampla traxectoria no sector da consultoría especializada" e de "sistemas de calidade"; así como a súa "dilatada experiencia na xestión pública como conselleira do Goberno autonómico de Galicia".
Persoal de Alcoa San Cibrao e compañías auxiliares mobilízase na contorna da factoría mariñá, cortando os seus accesos, tras constatar o bloqueo da multinacional á venda do complexo industrial a Liberty House, operación apoiada polos gobernos español e galego.
A Audiencia Nacional absolve a todos os acusados de estafa pola saída a Bolsa de Bankia, entre eles ao ex-ministro Rodrigo Rato, na altura presidente da entidade. A sentenza destaca que o Banco de España e demais supervisores deron o visto e prace á operación. O propio Banco de España dá por perdidos uns 14.000 millóns de euros do rescate público de Bankia.
Joaquim Torra chama a converter nun "plebiscito" as vindeiras eleccións catalás tras ratificar o Tribunal Supremo a súa inhabilitación como presidente da Generalitat por non retirar de instalacións públicas en período electoral pancartas a prol dos líderes soberanistas encarcerados. Diversas informacións a apuntan a febreiro como posible mes para a celebración deses comicios. (Imaxe divulgada por Torra nas redes sociais)
Desaloxado parte do hospital compostelán de Conxo por un incendio. Segundo informa o 112, a orixe do lume estivo "nun almacén de roupa localizado nun dos andares inferiores do edificio", foi detectado por persoal de seguridade e xa foi sufocado. Non obstante, "por precaución", foi preciso desaloxar as persoas "que se atopaban na área dedicada a consultas externas". Na imaxe (de arquivo), vista parcial do complexo.
O Tribunal Supremo ratifica por unanimidade a inhabilitación de Joaquim Torra como presidente da Generalitat catalá, acusado de desobediencia por non retirar da sede do Executivo catalán pancartas na defensa dos líderes independentistas encarcerados, segundo ordenara a Xunta Electoral. Torra preside o Goberno catalán dende 2018.
Berta Dávila e Olga Novo, Premios da Crítica 2019 en narrativa e poesía en galego polas súas obras Carrusel e Feliz idade, respectivamente. Os galardóns son outorgados pola Asociación Española de Críticos Literarios desde 1956, este ano con atraso polo coronavirus.
Persoal de Alcoa péchase nos concellos de Xove e Viveiro a poucas horas de que este luns se reúna a última mesa negociadora para salvar os empregos.