O Club Deportivo Lugo confirma a venda da entidade ao grupo empresarial encabezado por Ronald Baroni. O fondo de investimento mexicano NWB Sport terá o 75% das accións e pon fin á etapa de Tino Saqués á fronte do equipo albivermello.

O Club Deportivo Lugo confirma a venda da entidade ao grupo empresarial encabezado por Ronald Baroni. O fondo de investimento mexicano NWB Sport terá o 75% das accións e pon fin á etapa de Tino Saqués á fronte do equipo albivermello.
A firma de moda D-due, con sede en Rianxo e proxección internacional, gaña o I Premio Luís Seoane de Deseño. O xurado do galardón, impulsado dende a área de Cultura da Deputación da Coruña, destaca do proxecto creativo de Charo Froján e Alfredo Olmedo a súa capacidade para "potenciar o deseño dunha maneira radical, en vínculo co territorio, os procesos artesanais e o contexto local, e a súa aposta por traballar no global desde o próximo, cunha proxección internacional desde o rural, en coincidencia coa maneira de entender o deseño que tiña Luís Seoane". Na imaxe, fábrica de D-due en Asados (Rianxo) [© D-due]
O pleno de Vigo aproba por unanimidade solicitar á Xunta a implantación da facultade de Medicina na Universidade de Vigo. A petición chega logo de que a UDC solicitase a titulación para A Coruña.
O caso da muller queimada nun coche coa súa parella en Campo Lameiro é investigado xa oficialmente como violencia machista, o que suporía o segundo feminicidio do ano en Galicia. Así o vén de confirmar a Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero. En abril foi detido un home no Bolo polo acoitelamento da súa muller.
Unha gravación intervida pola UCO implicaría a Santos Cerdán, número tres do PSOE, no suposto cobro de comisións no caso Koldo. O PSOE nega calquera participación do seu secretario de organización e o PP exixe que compareza con Sánchez para dar explicacións.
Unha multitudinaria marcha en Vigo reclama o fin do xenocidio en Palestina. A mobilización, convocada por corenta organizacións, partiu do cruce de Vía Norte con Urzaiz e rematou na Farola, reclamando o respecto á vida, os dereitos humanos e o dereito internacional.
Membros do BNG denuncian que a TVG pediu tapar unha camiseta co lema 'Altri non' durante a cobertura dunha mobilización contra a corta de árbores no piñeiral da Madalena en Cabanas. O deputado nacionalista Xosé Manuel Golpe acusa a canle pública de "censura".
Os gobernos de España e do Reino Unido e mais a Comisión Europea pechan "un acordo histórico" sobre Xibraltar, pendente tras o Brexit. O pacto prevé suprimir as barreiras físicas no enclave colonial británico en Andalucía, que se mantén integrado no espazo Schengen, no mercado único da UE e mais na unión aduaneira. Na imaxe, o ministro español de Exteriores, José Manuel Albares, celebrando o acordo co comisario europeo encargado das relacións co Reino Unido, Maros Sefcovic; o ministro de Asuntos Exteriores británico, David Lammy; e o ministro principal de Xibraltar, Fabian Picardo. [© Goberno de España]
Meteogalicia advirte de que nos vindeiros tres días se agardan altas concentracións no aire de partículas PM10 e PM2,5 debido a unha intrusión de po sahariano en Galicia. A situación afectará máis á provincia de Ourense e ao sur da provincia de Lugo e en xeral a todas as comarcas interiores do país. A mala calidade do aire afecta especialmente á poboación infantil, ás persoas maiores e ás persoas con enfermidades respiratorias ou enfermidades cardiovasculares, que deben tomar precaucións.
Os tres reitores das universidades galegas aceptan crear outro grupo de traballo para descentralizar Medicina pero a UDC mantén a súa proposta de ter título propio. A USC amósase disposta a descentralizar as clases teóricas pero só se A Coruña renuncia á titulación, tal e como afirmou o seu reitor tras unha xuntanza entre a Xunta e as universidades.