Meteogalicia advirte de que nos vindeiros tres días se agardan altas concentracións no aire de partículas PM10 e PM2,5 debido a unha intrusión de po sahariano en Galicia. A situación afectará máis á provincia de Ourense e ao sur da provincia de Lugo e en xeral a todas as comarcas interiores do país. A mala calidade do aire afecta especialmente á poboación infantil, ás persoas maiores e ás persoas con enfermidades respiratorias ou enfermidades cardiovasculares, que deben tomar precaucións.
