Pepe Barro, Cenlitros, Xerión e Sargadelos, entre os finalistas da edición 2023 dos Premios Gràffica, referencia da cultura visual no Estado
Fálase
O Corno, de Jaione Camborda, é a película en galego máis vista na súa primeira fin de semana da historia. A segunda longametraxe da cineasta veciña de Compostela, gañadora da Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián, convocou máis de 20.000 espectadores nos seus cinco primeiros días nos cines. É o filme español triunfador en Donostia que logra un mellor arranque da súa andaina nas salas comerciais desde Os luns ao sol, de Fernando León de Aranoa, rodada en Vigo e estreada en 2002. [Fotografía da estrea nos Cantones Cines da Coruña © Mario Llorca]
O ex-secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, anuncia que retira a súa candidatura ao proceso de primarias da formación. Caballero afirma nun comunicado que o partido "opta por outra candidatura" e que a súa retirada é unha mostra de "lealdade e responsabilidade". Manteñen a súa candidatura José Ramón Gómez Besteiro, gran favorito para a elección, e o coruñes Manuel Losada Fernández.
15 cidades e vilas galegas acollen no serán deste luns concentracións en solidariedade co pobo palestino ante a ameaza dunha invasión israelí en Gaza.
Un traballador morre nun serradoiro de Carral. Despois da alerta ao 112, ao lugar desprazáronse forzas de seguridade e efectivos sanitarios, que só puideron certificar o falecemento.
A Xunta convoca a Mesa do Sector Naval para o 25 de outubro. Os sindicatos CC.OO, CIG e UXT aseguran que a ameaza de folga tras a última morte na ría de Vigo tivo efecto e a Xunta viuse obrigada a convocar a Mesa de Apoio ao emprego do Sector Naval da provincia de Pontevedra. A patronal aínda non confirmou a súa asistencia.
[Foto: CIG]
Un incendio que afecta a máis de cen hectáreas en Trabada activa a alerta de ‘situación dous’ pola proximidade a vivendas nos núcleos de poboación de Barreiros, Vidal e Penacova, segundo informa Medio Rural. Imaxe de arquivo CC-BY-SA UME
Este 12 de outubro rexistráronse temperaturas superiores aos 30 graos en zonas do interior de Galicia [como se observa no mapa]. Para este venres as estimacións de Meteogalicia avanzan unha notable baixada das temperaturas e chuvias pola entrada dunha fronte fría que afectará o país.
Marta Rouco, nova alcaldesa de Vilalba tras a dimisión de Elba Veleiro, toma posesión do cargo. No acto deste mércores no concello, a socialista estivo acompañada polo secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, e polo presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.
A Xunta declara un novo foco de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) nunha explotación bovina do concello lugués de Xermade. Con este son sete os focos detectados en Galicia, segundo Medio Rural en todos os casos só un animal do total do censo presentaba sintomatoloxía compatible con esta doenza, un virus para o que non existe vacina nin tratamento curativo específico e que non se transmite ás persoas.