O Burela gaña a súa terceira Copa da Raíña consecutiva tras impoñerse por 1-3 ao Torreblanca Melilla. É a cuarta Copa do palmarés do equipo mariñao (Imaxe divulgada pola FGF)
Fálase
Profesionais da dobraxe apoian a creación dunha canle televisiva infantil e xuvenil en galego, como reclama a 'Iniciativa Xabarín'. No vídeo, divulgado pol'A Mesa, participan Antón Rubal, Xulia Rigueiro, Luís Iglesia, Nora Abad, Monti Castiñeiras, Tere Santamaría e Tacho González, membros de APRADOGA.
Atraco con explosivos na sucursal de Caixa Rural Galega na Pastoriza. O material explosivo foi empregado para levar os cartos do caixeiro automático da oficina. O Concello da localidade lucense confirma que os "graves estragos" no local provocarán que non poida funcionar con normalidade durante uns días. Os feitos aconteceron de madrugada e durante a mañá, efectivos da Garda Civil investigaban o acontecido. (Imaxe: CC-BY-SA Praza Pública)
A Xunta incorpora Laza aos concellos co nivel máximo de restricións pola COVID-19, no que seguen Vilanova de Arousa e Cualedro e do que sae Carballeda de Valdeorras. Dende o luns, 3 de maio, máis dunha vintena de municipios cambian de nivel de restricións. Segundo informa Sanidade, estarán no nivel alto Petín, A Merca, A Pastoriza,Mesía, Ribeira, Padrón, Marín, O Grove, Meaño, Cambados, Salceda de Caselas, Gondomar, Ponteareas e Coristanco. Sitúa no nivel medio a Muíños, Verea, O Barco de Valdeorras, Cartelle, Lobios, Verín, Xinzo de Limia, Allariz, Carballeda de Valdeorras, Meira, Chantada, Rianxo, A Pobra do Caramiñal, Melide, Carnota, Ordes, Lalín, Silleda, Ribadumia, Poio, Vilagarcía de Arousa, Cangas, Nigrán, O Porriño, Tui, Vigo, A Laracha, Betanzos, Cambre, Carballo e Ares. Nos demais, rexe o nivel baixo.
A ex-conselleira de Traballo e de Medio Ambiente Beatriz Mato incorpórase á directiva da patronal galega do sector do metal, Asime, en representación da enerxética Greenalia, á que se incorporou en febreiro de 2020, dous meses despois de abandonar o liderado do PP da Coruña. Así o aprobou a entidade na súa asemblea, celebrada este xoves en Vigo. Mato tamén é directiva en Euskaltel. Na imaxe, nun acto con representantes de Asime como conselleira de Traballo en 2014.
Paloma de Toro, Luca Chao e María Cabaleiro Alfaya son as gañadoras do IV Concurso de microrrelatos convocado pola Real Academia Galega e PuntoGal. No certame participaron máis de 800 textos que non debían superar as 200 palabras e que competían por unha serie de premios de carácter tecnolóxico. A participación total (1.500 textos sumados os da categoría xuvenil) duplicou á do pasado ano.
O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, deixa o cargo por motivos de saúde tras converter hai dous anos ao BNG na forza máis votada na vila. Nas últimas semanas xa viña exercendo en funcións a tenente de alcalde, Cristina Fernández. [Imaxe: BNG]
O primeiro ministro portugués, António Costa, confirma a reapertura das fronteiras terrestres dende as 00:00 deste sábado, 1 de maio, no marco do novo plan de desconfinamento do país veciño. Concellos da raia veñen reclamando dende hai semanas a reapertura, especialmente para o persoal que vive en Galicia e traballa en Portugal (e viceversa). Galicia, non obstante, continúa polo momento -e, cando menos ata o día 9- baixo peche perimetral, pero as actividades permitidas, caso da laboral, veranse facilitadas con esta nova medida do Executivo portugués.
Feijóo acusa á esquerda de "utilizar á empresa pública Correos" para "mobilizar" o electorado na campaña electoral madrileña cos casos de envíos de balas en cartas ameazantes. O presidente da Xunta considera "incrible" que a empresa pública non detectase os envíos de balas e dunha navalla a cargos políticos como o ministro do Interior, a directora da Garda Civil, o líder de Podemos ou a presidenta de Madrid. Argumenta que a compañía, que el mesmo dirixiu no Goberno de Aznar (2000-2003) ten capacidade para detectar envíos con ántrax, polo que tamén a ten para frear sobres con balas antes de que cheguen ao seu destino.
Concellos da raia agrupados na AECT Rio Minho instalan unha faixa na Ponte da Amizade Tomiño-Cerveira para reclamaren a reapertura da fronteira, que segue pechada polas restricións da COVID-19 malia á fin do estado de emerxencia en Portugal. Os municipios reclaman ademais seren compensados mediante os fondos europeos de recuperación. "Levamos tres meses de ruína", sinala Uxío Benítez, vicedirector da AECT e deputado do goberno na Deputación de Pontevedra.