O esloveno Primož Roglič proclámase campión da Vuelta tras a derradeira etapa da carreira, que concluíu en Santiago tras tres tiradas por concellos galegos.[Imaxe: Cxcling, remitida pola Xunta, que patrocinou o evento]
Fálase
Alumnado da Facultade de Medicina da USC convoca unha concentración este luns e chama á folga "en defensa da formación práctica". Critican "a nova redución das prácticas clínicas en máis dun 50% por terceiro ano consecutivo" por mor da COVID. O alumnado desta facultade levou a cabo importantes mobilizacións hai dous anos denunciando os "defectos" no plano de estudos.
Unha mobilización convocada pola plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova protestou este sábado contra o proxecto de instalación dun parque eólico no Monte da Casa da Neve. Na marcha participaron veciñas e veciños de Bande, Muíños, Cartelle, Ramirás, A Merca, Ourense, Verea e Celanova e representantes do BNG e de organizacións ecoloxistas
Ian Gibson revela unha gravación inédita da persoa que soterrou a Federico García Lorca que, asegura, sinala o lugar onde se atopan os restos do poeta. Está incluída no documental Donde acaba la memoria, de Pablo Romero-Fresco, estreado no Festival de Cans, que o historiador presentou esta semana no Centro Cultural Municipal do Porriño
O TSXG ratifica os cambios no mapa de restricións da Xunta pola COVID, que entran en vigor a vindeira medianoite (medidas como a limitación de contactos entre non conviventes precisan de ratificación xudicial). O Tribunal considera que as restricións son "idóneas para a prevención e protección da saúde da poboación á que van destinadas, necesarias dada a constatación dunha situación de perigo actual e real para a saúde dos cidadáns, e proporcionadas ao fin que se pretende".
A Fiscalía española sostén ante Suíza que Juan Carlos I se enriqueceu con "comisións e negocios internacionais" e acúsao de catro delitos, segundo publica El Mundo. Dous días despois de que a Fiscalía remitise os seus escritos a Xenebra, o avogado do rei emérito comunicou que pagara máis de 4 millóns de euros que debía a Facenda.
Iberdrola avisou á Xunta en xuño e xullo de que prevía baleirar os encoros de Cenza e As Portas (na imaxe). Así consta en senllos correos electrónicos que publica hoxe a edición galega de eldiario.es.
- AMPLIAMOS 👉 O Estado acusa a Xunta de "mentir e manipular" por negar que fose advertida do baleirado dos encoros
- HEMEROTECA | Así descendeu en menos de dous meses o nivel de auga nos encoros investigados en Galicia
- HEMEROTECA | O baleirado de encoros en Galicia apunta as eléctricas tras pedir Naturgy compensacións millonarias pola menor produción das súas centrais
Sanidade prevé abrir unha nova quenda de autocitas para a vacinación contra a COVID con 50.000 prazas para a vindeira semana, dirixidas a persoas que aínda non recibiron ningunha dose. Serán para o martes (10.000) 7, venres 10 (10.000) e sábado 11 (30.000). Así o avanzou este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen se volveu laiar de escaseza de doses porque "necesitamos ir máis rápido" entre a poboación de 12 a 19 anos, aludiu, despois de que na anterior apertura de autocitas só se cubrisen a metade dos 30.000 ocos ofrecidos. A autocita tramítase no espazo de citas do Sergas, no portal E-Saúde ou mediante a aplicación Sergas Móbil.
A Xunta publica no DOG os cambios nos niveis de restricións da COVID por concellos, en vigor dende o vindeiro sábado. Podes consultar aquí as medidas que atinxen a cada municipio.
PARO REXISTRADO | As inscricións nas oficinas de emprego de Galicia diminuíron en 670 durante o mes de agosto, o que en termos porcentuais supón un -0,44% (a media estatal é do -2,42%) e o paro rexistrado queda en 151.264 persoas, 25.687 menos que hai un ano. No mesmo mes, a afiliación media á Seguridade Social aumentou en 3.198 persoas e queda en 1,39 millóns, o que supón 26.676 máis que en agosto de 2020.