Unha deputada do PP de Ourense censura que a reforma da Lei de Seguridade Cidadá quere “desarmar” á policía por pedirlle que respecte os dereitos humanos. Ana Vázquez Blanco, portavoz de Interior dos populares, pregúntase quen defende os dereitos humanos dos axentes.
Fálase
EPA | Galicia rematou 2022 con 1.104.500 persoas traballando, 13.200 máis que un ano antes, segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA) do cuarto trimestre do pasado ano, que vén de ser publicada. Nese trimestre, a poboación en situación de desemprego quedou en 131.400 persoas, 3.700 menos que no remate de 2021. Entre trimestres, non obstante, a ocupación diminúe en Galicia un -0,83%.
Galicia será a sede da fase final da Copa de Rexións da UEFA de fútbol masculino o vindeiro xuño. Segundo informa a Federación Galega de Fútbol, os posibles rivais da selección galega nesa competición serán Lisboa, Bavaria, Belgrado, República de Irlanda, Zenica-Doboj, Zlín ou a vixente campioa, Dolny Śląsk. A Federación indica que a vindeira semana unha delegación da UEFA visitará Galicia "para visitar os posibles estadios que serán sede" da competición. Esta copa dispútana xogadores que nunca participaron en ningunha competición futbolística profesional e a UEFA sinálaa como "escaparate do talento do fútbol europeo". [Foto: © Federación Galega de Fútbol]
O Sergas disponse a ampliar o rango de idade dos cribados de cancro de mama: serán citadas mulleres dende 45 anos de idade e non a partir dos 50, como ata agora, e estenderase o límite máximo dos 69 aos 74 anos, segundo avanzou este mércores no Parlamento o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Sanidade prevé que se incrementen nunhas 200.000 as mulleres que se beneficien destes controis preventivos. Na imaxe [CC BY-SA Xunta], exame dunha mamografía.
O Congreso convalida o terceiro Real Decreto de medidas contra a crise de prezos do Goberno de España por 175 votos a prol, 7 en contra e 164 abstencións, entre elas as de formacións como PP, ERC ou o BNG. Trátase do paquete do escudo social que inclúe accións como a supresión do IVE da alimentación básica por seis meses ou o cheque de 200 euros para as rendas máis baixas. O pleno da Cámara Baixa acordou tamén tramitar este mesmo Real Decreto como proxecto de lei por vía de urxencia, o que implica que os grupos parlamentarios poden formular emendas para agregar novas medidas ou modificar algunhas das xa vixentes. Na imaxe, comparecencia de Pedro Sánchez no mesmo pleno.
Descarrila un tren de mercadorías que circulaba baleiro na liña Ourense-Santiago -no trazado antigo, non no de alta velocidade- á altura de Lalín e o maquinista resulta ferido. Segundo informa emerxencias, "descarrilou tras atoparse cun derrubamento sobre a vía e acabou por colidir contra o piar dunha ponte" da estrada PO-902. "A locomotora e varios vagóns quedaron envorcados lateralmente", especifica o 112, "mentres que o maquinista puido saír coa axuda dos Bombeiros de Silleda" e sen "feridas de consideración". Na imaxe -tirada de Google Maps-, o lugar do accidente.
Luis Arosa, novo candidato do PSdeG á alcaldía da Illa en substitución do actual rexedor socialista, Carlos Iglesias, que goberna a vila con maioría absoluta dende 2015. O novo candidato, actualmente membro do goberno local, recibiu este martes o apoio do actual alcalde, de Valentín González Formoso, secretario xeral do partido; e de Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra e do PSdeG, entre outros cargos. [Imaxe: PSdeG]
Transportes habilita un carril para a circulación no tramo da N-642 entre Foz e Burela afectado polo derrubamento de parte da calzada. Mentres continúan os traballos na zona, a solución provisional permite o tránsito alternativo, regulado por semáforos, neste punto clave da comunicación viaria na comarca da Mariña. [Imaxe: Delegación do Goberno de España en Galicia]
Centos de persoas secundan a manifestación convocada polo BNG en Moraña para reclamar a "cobertura inmediata" dos postos de persoal médico no centro de saúde da vila. A formación soberanista asegura que viu "desbordadas todas as previsións, con máis de 600 persoas" na mobilización. Na véspera, o alcalde da vila, José Cela (PP) atribuíu a mobilización a razóns "electoralistas" xa que, di, o Sergas fai "esforzos" por cubrir esas prazas pero "non hai médicos" dabondo, recolle o Diario de Pontevedra. [Imaxe: BNG]
Entidades de defensa do galego, éuscaro e catalán homenaxean conxuntamente a Rosalía e Castelao no Panteón de Galegos Ilustres e resaltan a "importancia" de ambas figuras "na loita pola pluralidade lingüística e na defensa das linguas minorizadas do Estado". A Mesa pola Normalización Lingüística, representada polo seu presidente, Marcos Maceira, foi anfitrioa dunha homenaxe á que acudiron representantes da catalá Plataforma per la Llengua e da vasca Kontseilua. [Imaxe: A Mesa]