Máis de 22.200 niños de avespa velutina foron retirados o pasado ano pola empresa pública Seaga no marco do plan de control acordado por Xunta e Concellos. Segundo o Goberno galego, o prazo medio de retirada dos niños é de cinco días hábiles desde que se recibe a chamada de alerta.
Fálase
Formoso reclama a Rueda que "escoite menos Radio María e máis á sociedade galega" e rexeite abertamente "o protocolo de coacción ás mulleres que deciden interromper o seu embarazo aprobadas polo goberno de PP e Vox" en Castilla y León. O secretario xeral do PSdeG realizou estas declaracións tras unha xuntanza con membros de SOS Sanidade Pública na que ratificou que o partido secundará a mobilización convocada pola plataforma para o vindeiro 12 de febreiro
A Xunta rectifica as súas medidas no ensino polo temporal e o transporte escolar que tivo viaxes de ida na mañá deste martes teraos tamén de volta. Como xa sucedera en anteriores ocasións (por exemplo, durante o temporal de neve de 2017), en diversas zonas afectadas polo temporal de neve, Educación determinara que o transporte escolar da quenda de mañá só estivese dispoñible nas viaxes de ida. Agora a Consellería sinala que "a suspensión rexerá só para o horario de ida e volta ao centro en horario de tarde". Confirma ademais que este mércores non haberá bus escolar "nos centros educativos situados nos concellos das zonas de predición das montañas de Lugo e Ourense e o sur de Ourense". Nesta ligazón pódese consultar íntegra a nota oficial. Na imaxe, unha quitaneves da Deputación de Lugo no Courel.
A Xunta amplía ao sur da provincia de Ourense a alerta laranxa por nevaradas xa activa na Montaña de Lugo e Ourense, onde se prevén acumulacións de neve de máis de 20 centímetros por riba dos 800 metros, coa probabilidade de que se acumulen espesores de 5 centímetros en calquera cota. Hai alerta amarela debido a acumulación de 4 centímetros de neve entre os 300 e os 500 metros de altitude no interior das provincias da Coruña, Lugo e Ourense.
Tareixa Navaza, distinguida co Premio de Honra Dolores Ben da AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes), que a entidade entrega por segunda vez. A asociación destaca que Navaza é "unha imprescindíbel do xornalismo, o primeiro rostro da televisión en galego, pioneira na radio e televisión galegas e un dos primeiros nomes femininos que entraron nas redaccións do mundo audiovisual".
Pontón reclama "blindar por lei o financiamento da atención primaria do Sergas "até acadar as cifras recomendadas pola Organización Mundial da Saúde" e comezar "cun plan de choque de 200 millóns de euros". A portavoz nacional do BNG ratifica o apoio da formación "a todas as mobilizacións que convoque a cidadanía" a prol da sanidade pública, "como a prevista para este xoves en Burela ou a organizada pola plataforma SOS Sanidade para o próximo 12 de febreiro", "porque o BNG está sempre do lado da xente e preparado para liderar un cambio de rumbo", afirma.
O DOG fai oficial o novo nome do CEIP Plurilingüe Vila de Cee que deixa de homenaxear o falanxista Eugenio López.
Este luns estará activa unha alerta laranxa por vento no litoral do norte de Galicia, con refachos que chegarán aos 100 km/h. Igualmente, haberá treboada no mar, con aviso laranxa e ondas que chegarán aos 9 metros, e chuvias intensas en boa parte do país, especialmente na metade septentrional
Vén de falecer Mangüi Martín, baixista dos Diplomáticos de Monte Alto e colaborador doutras formacións musicais da Coruña, como a Banda Xangai. A información foi adiantada por La Opinión. Mangüi era unha das figuras máis coñecidas da escena musical da cidade nas últimas décadas
Investigado por intento de homicidio un home acusado de tentar atropelar a súa parella en Vigo. A maxistrada do Xulgado de Violencia sobre a Muller decretou a posta en liberdade do detido e imponlle unha orde de afastamento e prohibición de comunicarse coa parella e os fillos desta. Na imaxe, unha concentración contra a violencia machista en Vigo. [CC BY-SA Marcha Mundial das Mulleres]